Luz verde no Congreso ao traspaso da AP-9 a Galicia coa única oposición de Ciudadanos

O Congreso apoiou este martes a tramitación parlamentaria dunha proposición de lei do Parlamento galego para traspasar á Xunta a Autoestrada do Atlántico.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/12/2018 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O Congreso apoiou este martes a tramitación parlamentaria dunha proposición de lei do Parlamento galego para traspasar á Xunta a Autoestrada de Peaxe AP-9, pero non foi por unanimidade xa que Ciudadanos se desmarcou ao considerar que se trata dun "agasallo electoralista".

Ponte de Rande
Ponte de Rande | Fonte: Miguel Núñez

A iniciativa, que foi aprobada por unanimidade en Galicia en marzo de 2016, foi defendida no Pleno do Congreso por unha delegación de tres deputados do Parlamento autonómico. Con todo, PSOE e PP xa anticiparon, nos seus discursos, que previsiblemente esta lei será cambiada na tramitación parlamentaria para asemellarse ás dous posteriores que se aprobaron na Cámara galega e que, en esencia, exclúen a posibilidade do rescate público.

Martín Fernández Prado, deputado do PPdeG, destacou que a Xunta ten os medios para xestionar a AP-9 ao ser a Administración "máis próxima" e ser "unha infraestrutura vital para Galicia, principal motor de competitividade". É máis, pediu ao Goberno de Pedro Sánchez convocar a comisión mixta de transferencias para asegurar que o traspaso non se dilate, na mesma liña que se pronunciou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, este mesmo martes.

Fronte á axilidade reclamada polo PP galego, o deputado autonómico de En Marea Antón Sánchez lembrou que esta iniciativa se aprobou tres veces por unanimidade no Parlamento galego --as últimas dúas sen incluír a posibilidade de rescate, un aspecto que foi eliminado en aras de lograr levantar o veto do Goberno de Mariano Rajoy-- e que nas dúas ocasións anteriores foi bloqueada polo Executivo popular.

Ao seu xuízo, con "o silencio estruendoso e a complicidade do PP", os galegos veñen padecendo unha "estafa diaria" coa AP-9, que no seu día foi rescatada con diñeiro público e privatizada polo Goberno de José María Aznar no que considera unha mostra de "capitalismo de amiguetes".

En similares termos pronunciouse o seu compañeiro do Congreso Antón Gómez Reino, que representou ao grupo confederal de Unidos Podemos —onde se integra En Marea— e que reiterou o seu rexeitamento xeral ás autoestradas de peaxe para que o público deixe de beneficiar á privada: "Autoestrada do Atlántico pública, galega e gratuíta", proclamou.

Polo PSOE, o deputado por Pontevedra Guillermo Meijón, cargou contra a empresa concesionaria e pediu unha tramitación áxil da iniciativa e un consenso sobre a política de infraestruturas. Igualmente, o deputado socialista autonómico Luís Álvarez Martínez pediu o apoio unánime de todos os grupos da Cámara para que a unanimidade do Parlamento galego vísese tamén no Congreso.

CIUDADANOS QUÉDASE SÓ

Con todo, ese apoio unánime non se viu no debate celebrado este mércores nun hemiciclo semibaleiro, xa que Ciudadanos se negou a votar a favor. O seu portavoz de Fomento, Fernando Navarro, lembrou que se trata dunha autoestrada que conecta con Portugal, o que a converte en vía estratéxica para o Estado, e criticou que se pretenda o traspaso á Xunta da xestión, con opción a rescatala e fixar prezos, e en cambio as obrigas económicas sigan a cargo do Estado.

Ao seu xuízo, os investimentos de Fomento son "a bolsa de carambelos" coa que se busca conseguir votos e este traspaso é un "agasallo" que ten un custo que debe pagar o Estado. Navarro lembrou que o Goberno de Rajoy se negaba a asumir ese custo e agora todos o aceptan abonar por motivos "electoralistas". "Nós non aceptamos facer electoralismo cos investimentos, non aceptamos usar 500 millóns para pagar unha campaña electoral", resolveu.

Fronte a iso, Celso Delgado Arce, do PP, replicou que Ciudadanos non descartaba o traspaso da AP-9 en anteriores debates e acusou ao partido laranxa de estar "fóra de xogo en Galicia" e de non sintonizar coas aspiracións dos seus habitantes.

Após criticar que os Gobernos do PSOE tamén se opuñan a tramitar esta transferencia, Delgado pediu "unha tramitación sosegada, sen espaventos nin demagoxias e pensando nos usuarios".

APOIO DE NACIONALISTAS E INDEPENDENTISTAS

Pola súa banda, Ferran Bel, do PDeCAT, pediu que unha medida similar ocorra en Cataluña pero en todo caso, prometeu non presentar emendas e axudar a que se tramite por urxencia para que o traspaso se concrete o máis rápido posible.

Tamén o PNV apoiou a tramitación, aínda que Iñigo Barandiaran censurou que Galicia teña que presentar unha lei no Congreso para impulsar a transferencia dunhas competencias que figura no seu propio Estatuto. "Fai falta que as comunidades pidan permiso para cumprir o seu estatuto?", preguntouse.

Joan Margall, de ERC, lamentou que o BNG non puidese defender esta iniciativa na delegación, da que foi impulsora no Parlamento de Galicia, pero en todo caso apoiouna subliñando que "Galicia ten todo o dereito de xestionar as súas propias infraestruturas".

DELEGACIÓN GALEGA E OUTROS DEPUTADOS

Ademais da delegación designada polo Parlamento de Galicia para defender a normativa, acudiu a Madrid a portavoz nacional do BNG e portavoz parlamentaria, Ana Pontón, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o seu portavoz na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Así, Pontón reclamou que, unha vez aprobada a toma en consideración, se tramite con "celeridade" e respectándose "a literalidade" do texto orixinal aprobado polo Parlamento galego; mentres que Caballero considerou que é necesario "buscar vías" para "evitar a suba continua" de peaxes durante os próximos 30 anos.

Tamén asistiron o vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo, e o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, quen asegurou que a súa formación política "como partido de Goberno en Galicia e en España, será capaz de casar o lexítimo desexo dos galegos de que a xestión da AP-9 resida na autonomía sen que iso menoscabe o interese xeral do Estado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ratibron

A iniciativa da transferencia foi presentada e defendida durante dous anos por Alexandra Fernandez. Magoa que Gomez -Reyno a vetase para que intervira.