ADEGA sinala que Cobre San Rafael culpa ás explotacións gandeiras de contaminar augas arredor da mina de Touro

Segundo a asociación ecoloxista a empresa mineira pretende así xustificar os elevados niveis de metais tóxicos nas correntes de auga.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 12/12/2018 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A Asociación de Defensa Ecolóxica da Galiza, ADEGA, emitiu un comunicado onde apunta manobras por parte de Cobre San Rafael S.L., para desviar a atención “sobre as súas responsabilidades na contaminación provocada pola mina”.

Mapa onde aparecen sinais de Cadmio (Cd)
Mapa onde aparecen sinais de Cadmio (Cd) | Fonte: ADEGA

ADEGA destaca que as últimas analíticas “encarregadas pola empresa” sinalan unha alta concentración de Cadmio (Cd) en dous puntos do rego Pucheiras. En concreto os niveis apuntados son “códigos PUCH-3, 1.45 microgramos/litro, e Puch-11, 0.93 microgramos/litro”, sinalando as cantidades recollidas desta substancia por litro de auga, cando “a súa concentración na auga non pode superar os 0,08 microgramos/litro en media anual e 0,45 de concentración máxima”.

Segundo ADEGA, a empresa para xustificar estas elevadas concentracións “bota man dun "ditame pericial" que primeiro minusvalora a presenza deste contaminante nas augas ignorando a lexislación máis recente aplicábel” para logo “sinalar "sen lugar a dúbidas" que o Cadmio provén do xurro, e portanto se debe á actividade gandeira”.

O Cadmio é un metal tóxico e bioacumulativo. “Está catalogado como substancia perigosa e prioritaria no Real Decreto 817 de 2015, que establece os criterios de seguemento e avaliación do estado das augas superficiais e das normas de calidade ambiental”.  Non obstante, ADEGA apunta tamén que o propio "ditame pericial" ten argumentos que “desmontan a teoría” da contaminación por xurro ou residuos gandeiros. Como primeiro dato, sinalan o “feito de que na mineralización de Touro as cantidades de Cd son moi altas, de até 55,8 partes por millón (equivalentes a microgramos/litro)”.


A asociación ecoloxista destaca tamén que “dos catro puntos de mostraxe no rego de Pucheiras, só aparecen anomalías de Cd no PUCH-3 e PUCH-11, cuxas augas dreman o territorio mineiro”.  O tramo sinalado “está tamén ao carón e augas abaixo das empresas de "valorización" de residuos alí instaladas, algunhas das cais manexan refugallos como as lamas de depuradora que conteñen altas concentracións de metais pesados”.  No entanto, nas captacións PUCH-1 e PUCH-4, situadas augas arriba da balsa de Vieiro e no medio das agras receptoras de xurros, os valores de Cadmio son normais menos de 0,25 microgramos/litro.

A conclusión para ADEGA é que “temos pois un río que antes da mina non amosa unha contaminación preocupante” mais  “xusto despois de atravesar o territorio mineiro e pasar a carón de instalacións de valorización de residuos, cárgase de Cd e tamén doutros contaminantes”.  Para os ecoloxistas “estes tóxicos proceden das infiltracións dende as balsas que a empresa segue a ignorar, malia que Augas de Galiza xa puxera de manifesto no seu informe”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta