Leiceaga: "A min cesoume Pachi Vázquez como portavoz e non entendín aquilo como unha purga"

Sinala que a persona que ostenta a portavocía do PSOE na Deputación de Ourense "xa cambiou varias veces". O PSdeG de Ourense asegura que a decisión de relevar ao portavoz da Deputación foi "orgánica" e non "disciplinaria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2018 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O portavoz do PSdeG na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, lembrou que el mesmo foi cesado como portavoz parlamentario polo que fora secretario xeral dos socialistas galegos entre 2009 e 2013, Manuel 'Pachi' Vázquez, e asegurou que non entendeu a decisión "como unha purga".

Xoaquín Fernández Leiceaga e Antonio Leira na rolda de prensa
Xoaquín Fernández Leiceaga e Antonio Leira na rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa ofrecida na sede local do PSOE compostelán, Leiceaga mostrou o seu "respecto absoluto" ás opinións que "cada un" poida ter. Con todo, considerou que "non se pode estar en misa e repicando". "Pachi Vázquez marcha. Punto.", manifestou.

Nesta liña, e preguntado pola decisión da dirección provincial do PSOE de Ourense de relevar ao portavoz socialista en Deputación, Francisco Fraga, afín a Pachi Vázquez, Leiceaga asegurou que "os partidos teñen os seus procedementos e as súas decisións".

Así mesmo, lembrou que a persoa que ostenta a portavocía nesta institución provincial "xa cambio varias veces". "As distintas maiorías teñen as responsabilidades de ter nas institucións aos portavoces que lles pareza oportuno", argumentou.

Ademais, após lembrar que "o compañeiro Fran de Piñor non empezou esta lexislatura sendo portavoz", considerou que os motivos polos que se lle releva deben ser preguntados á dirección provincial", que "é onde se toma a decisión".

LEMBRA A SÚA SUBSTITUCIÓN DA PORTAVOCÍA PARLAMENTARIA

"Trátase dun procedemento bastante habitual nas distintas institucións. Pachi, por certo, fixo o mesmo no Parlamento de Galicia comigo e non nunca dixen que fora unha purga, dixen que respectaba absolutamente a decisión que tomaba a dirección", sinalou.

Precisamente, o actual portavoz parlamentario do PSdeG manifestouse nestes mesmos termos na súa comparecencia ante os medios ao termo da reunión da Xunta de Portavoces. "Cando Pachi era secretario xeral fun cesado como portavoz e non entendín aquilo como unha purga, senón como unha vía para mellorar porque había unha nova dirección", apuntou.

DECISIÓN DISCIPLINARIA

Por outra banda, o secretario provincial do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que a decisión de "relevar" ao que era portavoz da Deputación ourensá, Francisco Fraga, foi "orgánica" e "democrática", pero "non disciplinaria", xa que o militante socialista "perdeu confianza no proxecto".

Así o manifestou este mércores nunha rolda de prensa na que considerou que se produciron "declaracións inaceptables" de militantes pero, especialmente, "inapropiadas" cando "afectan ao portavoz na Deputación provincial".

"Non decidiu dar un paso atrás e o partido tomou, de modo democrático, a decisión de relevalo", concretou Villarino, que destacou que a medida de apartar a Fraga do cargo de portavoz "só" contou cun posicionamento en contra --o do propio portavoz-- e dúas abstencións dun total de 31 votos --uno dos asistentes decidiu abandonar a reunión--. Por iso, indicou que se trata dunha decisión "tomada no seo do partido e sen máis transcendencia".

"Nunca se trasladaron as queixas ao seo do partido. Non é unha medida disciplinaria, manterá a súa acta, non está posto en cuestión máis nada que o seu cargo de portavoz, nin sequera a súa posible candidatura á alcaldía de Piñor", avanzou.

SAÍDA DE MÁIS MILITANTES

En canto ás declaracións doutros militantes socialistas que criticaron á formación após a saída do que fora secretario xeral do PSdeG entre 2009 e 2013, Manuel 'Pachi' Vázquez, o secretario provincial aclarou que o partido "tomará ou non unha medida no futuro próximo" en función de "como avancen os acontecementos".

Á súa vez, destacou que "non hai temor" en canto á saída de máis militantes do PSdeG após a marcha de Vázquez e asegurou que, se se desen, "son decisións lexítimas e persoais" que "só" poden "respectar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta