Setembro foi o mes máis caloroso da serie histórica

Os valores foron elevados tanto nas madrugadas como durante as tardes, aínda que o efecto foi máis notable nos valores diúrnos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2018 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O outono galego de 2018 foi moi cálido debido ás elevadas temperaturas que se alcanzaron no mes de setembro e que se situaron até 2,66 graos por encima da media para a serie histórica. Nos meses de setembro, outubro e novembro o valor situouse en 15,4 graos, polo que a anomalía positiva na temperatura media foi de 0,96 graos, segundo se desprende do Informe climatolóxico correspondente á estación, elaborado por Meteogalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

Día de sol y calor en Santiago de Compostela. Europa Press
Día de sol y calor en Santiago de Compostela. Europa Press | Fonte: Europa Press

De feito, o mes de setembro deste ano foi o máis cálido da serie histórica rexistrada, debido á presenza de anticiclóns que achegaron aire cálido na superficie e estabilidade. Os valores foron elevados tanto nas madrugadas como durante as tardes, aínda que o efecto foi máis notable nos valores diúrnos.

En cambio, en outubro e novembro alcanzáronse valores normais. No décimo mes do ano as temperaturas, de media, non presentaron cifras moi afastadas da normalidade, debido á alternancia de episodios con altas temperaturas diúrnas e outros que deixaron valores baixos nas madrugadas. Novembro estivo moi próximo á media habitual, xa que os ventos do suroeste que prevaleceron en moitas xornadas achegaron aire tépedo, aínda que a presenza de nubes e choivas abundantes non deixaron que se rexistrasen grandes oscilacións.

PRECIPITACIÓNS NORMAIS AÍNDA QUE SETEMBRO SECO

En canto ás choivas, o outono de 2018 pode considerarse normal, cun 2% por baixo do valor climático esperado, despois de que os últimos tres outonos fosen secos ou moi secos. Setembro foi un mes con escasas choivas e cunha distribución moi irregular. A serie rexional, composta por 16 estacións meteorolóxicas representativas, mostrou unha anomalía dun 70% por baixo do normal, polo que este mes considérase como moi seco, tendo en conta a totalidade da comunidade. A cidade de Santiago de Compostela só rexistrou 1 mm., o rexistro máis baixo da serie histórica.

UN NOVEMBRO MOI CHUVIOSO

No lado oposto, está o mes de novembro no que as precipitacións foron máis abundantes do normal. O continuo paso de frontes activas asociadas a borrascas que circulaban polo Atlántico norte, deixou cantidades de choiva superiores ao normal e tamén máis xornadas de choiva. En concreto, a choiva rexistrada estivo un 56% por encima do normal, considerándose un mes moi húmido. Os días de choiva foron tamén superiores ao valor medio.

En canto á precipitación total acumulada no outono de 2018, os valores máis altos rexistráronse no oeste da Coruña, nas comarcas de Noia e Barbanza e Serra do Suído, na que se alcanzaron valores por encima dos 700 L/m2, mentres que os máis baixos producíronse na comarca de Valdeorras, na que nalgunhas zonas non se alcanzaron os 22 L/m2.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta