Feijóo confirma que cesa a Marta Míguez en Deportes para enchufar a Lete Lasa, “unha persoa da canteira”

O presidente galego confirma que prescinde da deportista olímpica para facerlle novamente sitio a unha persoa á que el mesmo propuxo para ir a Madrid pero que “como consecuencia da moción de censura” de Sánchez quedou sen traballo. Critica a Míguez por, supostamente, non manter silencio porque "xa estaba avisada".

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 13/12/2018 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Poucas veces se ten visto a Alberto Núñez Feijóo molesto por ter que dar explicacións tras enchufar pola porta de atrás da Administración galega a un amigo que fracasou na súa carreira en Madrid. “Volve á casa que coñece”, asegurou este xoves o presidente galego do retorno de José Ramón Lete Lasa á Secretaría Xeral para o Deporte. Un retorno que levou por diante, e sen máis explicacións que a de facerlle sitio a Lete Lasa, a quen ata agora ostentaba ese posto, a deportista olímpica Marta Míguez.

Feijóo confirmou o que xa era evidente entre o mundo do deporte. Que o desembarco do novo secretario xeral para o Deporte ten que ver cunha razón máis de amistade e de partido que por razóns deportivas.

“Ao señor Lete propuxémoslle que viñera de Madrid no ano 2009, tomou a súa decisión de prescindir de residir en Madrid. No ano 2016 eu lle propuxen que asumira o reto de asumir a Presidencia do Consejo Superior de Deportes e volveu ir a Madrid e senón fora por iso pois seguiría sendo hoxe secretario xeral... Como consecuencia da moción de censura, e como é unha persoa da canteira, dun xestor do deporte en Galicia, pois volveu aos seus plantexamentos”.

Dende a  esquerda, o candidato do PP en Santiago, Agustín Hernández, López, presidente do Monbús Obradoiro e Lete Lasa, novo SX para o Deporte, nunha imaxe da web da Xunta
Dende a esquerda, o candidato do PP en Santiago, Agustín Hernández, López, presidente do Monbús Obradoiro e Lete Lasa, novo SX para o Deporte, nunha imaxe da web da Xunta

"COÑECE O MUNDO DO DEPORTE"

Foi a xustificación que Feijóo deu tras preguntarlle Galicia Confidencial polo malestar creado por esta decisión inxustificada entre o sector do mundo do deporte. “Hai moitos motivos para facer nomeamentos pero neste caso, cando hai unha persoa que coñece tan ben o mundo do deporte non só en Galicia ou en España, pois iso é algo obxectivo”, dixo.

“Entón quere dicir que o traballo que estaba facendo Marta Míguez non era o adecuado durante estes dous anos?”, insistiu este medio. “Estou moi contento co traballo que fixo e ela o sabe porque llelo dixen hai unha semana. Sabía deste cambio hai máis dunha semana”, suliñou.

E aproveitou para criticar a Míguez por, supostamente, non manter silencio ou non conformarse con este cese. “Por iso hai algunha dificultade sobre as expresións ou manifestacións de que -Míguez- non coñece o cambio”, salientou. A xa cesada deportista olímpica suliñaba este mércores que non podía explicar a decisión de apartala do posto porque "ela non a tomara".

En todo caso, ao presidente galego non lle gustou ter que dar resposta a esta tensa situación creada no seu gabinete. “Fíxose algo parecido co director xeral de interior e entón ninguén me preguntou nada”, suliñou.

DURAS CRÍTICAS

Nos últimos días creceu a indignación e a sorpresa no mundo do deporte e algúns deles falan mesmo de dimitir. Numerosas federacións de deporte galega manifestaron a súa contrariedade por un cese que non entende ao salientar o gran traballo que estaba realizando Marta Míguez no posto. De feito, moitos presidentes consultados por este medio apuntaban directamente a que o nomeamento de Lete Lasa tiña que ver con motivos políticos e pola súa amistade con Feijóo, algo que o propio presidente confirmou este xoves.

Feijóo, Lete Lasa e Marta Míguez, na toma de posesión do cargo desta última
Feijóo, Lete Lasa e Marta Míguez, na toma de posesión do cargo desta última | Fonte: Xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Esencia pepera pura: colocar e favorecer aos amiguetes