O estaleiro Vulcano sálvase da quebra 'in extremis', pero o seu futuro segue pendendo dun fío

A empresa elude a ameaza de cancelación do contrato do ferri, pero segue pendente de financiamento para acabalo. Os traballadores responsabilizan os donos e directivos actuais da situación do estaleiro.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/12/2018 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O estaleiro vigués Vulcano logrou un pequeno respiro na súa contrarreloxo para entregar o ferri de Transmediterránea, ao aceptar o armador a eliminación da cláusula de cancelación de contrato se non se cumpría o prazo de entrega (que expiraba en poucas semanas), aínda que segue pendente de concretar o financiamento para rematar eses traballos.

Concentración de traballadores do estaleiro Vulcano
Concentración de traballadores do estaleiro Vulcano | Fonte: Europa Press

O comité do estaleiro advertira de que, se non se lograba financiamento inmediato para finalizar o barco, a empresa estaba abocada á liquidación, xa que a navieira podía exercer o seu dereito de cancelar o contrato ao non cumprirse o prazo de entrega (que acumula xa varios atrasos).

Con este chamamento urxente sobre a mesa, representantes do cadro de persoal, da dirección do estaleiro, da Xunta, de Pymar, do Banco Santander (dono do ferri) e de Transmediterránea mantiveron este venres unha reunión en Santiago de Compostela para tratar de buscar unha solución que evitase a quebra dun estaleiro histórico da ría de Vigo, e que está nunha situación límite, após pasar por un concurso de acredores, aplicar máis dunha ducia de expedientes de regulación, e sen novos contratos no horizonte.

Segundo trasladaron o presidente do comité, Nicolás Sangabriel, e o secretario xeral de CC.OO., Ramón Sarmiento, que estiveron presentes na reunión, a armadora aceptou retirar esa cláusula de cancelación e está disposta a negociar unha nova data de entrega.

Todo iso, despois de comprometerse Vulcano a entregar en próximos días "unha nova planificación" para acabar o barco. "Ten que ser unha planificación máis realista, porque os prazos dos que falaba até agora a empresa para rematar o ferri estaban condicionados por esa ameaza de cancelación do contrato", apuntou Sarmiento.

Así mesmo, segundo explicou Nicolás Sangabriel, a nova planificación deberá ser "referendada por todas as partes", é dicir, pola naviera, pola parte financeira, por Pymar, a Xunta, e o propio comité de persoal. "Este primeiro paso é importante, porque sen esta decisión, de acometer unha nova planificación máis axustada á realidade, non se pode empezar a falar de nada máis", abundou Sarmiento.

A partir dese momento, unha vez que todos os axentes implicados cheguen a un acordo sobre como se xestionará o traballo para acabar o ferri, queda a negociación para conseguir o financiamento, polo que "isto aínda non está resolto".

CADRO

Pola súa banda, o cadro, que leva dous meses sen cobrar, concentrouse na mañá deste venres ás portas do estaleiro, no barrio de Teis, e responsabilizou a propietarios e directivos de Vulcano da situación de "incerteza" que lles afecta a eles e á propia empresa.

O secretario do comité, Carlos Olivares, lembrou que os atrasos na construción do ferri estiveron motivados, en boa medida, por "vicios ocultos" do proxecto e, en concreto, referiuse aos problemas co provedor do motor, Wärtsilä.

Olivares apuntou que o plantel, integrado por 74 operarios, está agora centrado en resolver o financiamento para rematar este barco e, após recoñecer que "non hai contratos novos" no horizonte, engadiu que "cando se acabe co ferri, haberá que enfocar esoutro problema".

Cuestionado polos medios acerca de como un estaleiro cun século de historia puido chegar a esta situación, o secretario do comité apuntou directamente á" propiedade e a dirección" actuais de Factorías Vulcano.

Así, lamentou que a traxectoria da empresa empeorou na última década, a partir de que Fernando Santodomingo deixou as rendas de Vulcano (poucos anos despois de sufrir un grave accidente). "Desde entón, non entrou ningunha nova construción. Todos os estaleiros contratan, menos nós, a nova dirección non ten a confianza dos financiadores, armadores, etc.", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta