Detido un veciño de Ponte Caldelas acusado de roubar maquinaria municipal

O alcalde deste concello pontevedrés denunciara a subtracción de sete rozadoras e dúas pértegas de podar. A investigación da Garda Civil descubriu que o suposto autor do roubo era un veciño da localidade, que posteriormente vendeu as ferramentas. Os axentes tamén investigan á súa exmuller e ao seu fillo.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/12/2018 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo a un veciño de Ponte Caldelas e investiga penalmente á súa exmuller e ao seu fillo, que viven na Lama, por estar supostamente relacionados co roubo de maquinaria nunha nave dos servizos municipais deste concello pontevedrés.

Rozadoras recuperadas en Ponte Caldelas. GUARDIA CIVIL
Rozadoras recuperadas en Ponte Caldelas. GUARDIA CIVIL | Fonte: Europa Press

O pasado día 5 de decembro, o alcalde de Ponte Caldelas denunciou no posto da Garda Civil da súa localidade que subtraeran sete rozadoras e dúas pértegas de podar do interior da nave de xardinaría anexa ao polideportivo municipal de Chan da Barcia.

Pola forma de cometerse o roubo, que evidenciaba por parte dos autores un "perfecto coñecemento das instalacións", enseguida se orientaron as pescudas sobre o persoal que, dunha ou outra forma, tiña acceso ás instalacións.

Seguindo esta liña de investigación, os axentes centraron as sospeitas sobre unha persoa que recentemente tivera relación cos servizos municipais con ocasión do cumplimento dunha pena de traballos en beneficio da comunidade.

Días despois, contando coa estreita colaboración do Concello, tívose coñecemento da recente compra de dúas máquinas rozadoras e unha das pértegas por un veciño de Ponte Caldelas, ao que precisamente llas vendeu a persoa que se estaba investigando. Ao comprobarse esta circunstancia, procedeuse á recuperación destas ferramentas e á detención da persoa que as vendera, como suposto autor do roubo. Trátase dun veciño da mesma localidade, de 58 anos.

As investigacións concluíron coa recuperación doutras dúas rozadoras e unha pértega de podar que se localizaron no domicilio da exparella e do fillo do detido, no municipio da Lama, que tamén foron investigados penalmente en relación co roubo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta