Ana Miranda liderará a candidatura do BNG ás europeas, eleccións ás que concorre con ERC e EH-Bildu

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindica que é "a única garantía" da defensa de Galicia en Europa "sen condicionantes alleos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2018 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A actual eurodeputada nacionalista Ana Miranda será a candidata ás eleccións europeas polo BNG, que concorre en coalición con ERC e EH- Bildu, despois de que a proposta obtivese un apoio "unánime" no Consello Nacional celebrado este sábado en Santiago de Compostela.

Consello Nacional do BNG
Consello Nacional do BNG | Fonte: Europa Press

A confirmación da candidata produciuse en paralelo á ratificación da coalición, que a militancia respaldou por unha maioría superior ao 90%. Así, o BNG preséntase ás europeas con "forzas soberanistas das tres nacións do Estado".

Esta coalición supón a "única garantía da defensa de Galicia na  Eurocámara sen condicionamentos alleos", segundo reivindicou na súa intervención a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

O acordo electoral ten como bases a "defensa de Galicia como nación" e a de todos os pobos a decidir libremente o seu futuro, como "ferramenta para frear a  involución social e democrática" que Pontón alerta que se vive na actualidade en España.

Como segundo alicerce da coalición electoral, apunta a cuestionar o modelo neoliberal da Unión Europea, que está "a empobrecer" aos traballadores e a Galicia. Con este punto de partida, Ana Pontón confrontou a súa proposta coa do PP, ao que lle "lle preocupa tanto" a coalición nacionalista porque, argumenta, contrapón as políticas que están a meter a Galicia "nun pozo cada vez máis profundo".

Na súa intervención na sede do BNG, ante preto de medio centenar de representantes nacionalistas, enxalzou o "bo facer" de Ana Miranda, que aspira a repetir como eurodeputada, así como a súa "capacidade de traballo, sempre dando a cara en defensa dos intereses de Galicia".

En concreto, puxo de relevo o seu traballo en torno ao accidente ferroviario de Angrois ao lograr que "a Axencia Ferroviaria europea emitise un informe chave para evitar que se pechase en falso o xuízo". Sinalou tamén a súa defensa das rías e da inclusión de Galicia no corredor atlántico, así como dos dereitos e liberdades contra o fascismo cunha declaración na que se pide a ilegalización da Fundación Francisco Franco"  e que "aínda non cumpre o Estado español". 

CONFIANZA NO PROXECTO 

Coa súa candidatura, Ana Pontón asegurou que se "abandona o discurso  derrotista que non confía no país" galego ou "que sempre lle dá a última carta da baralla", para tentar que "Galicia avance e sexa unha nación".

Ana Pontón transmitiu a súa confianza en que o BNG obteña o respaldo cidadán para que Ana Miranda repita como candidata con "un gran resultado" e rexeitou a idea de que acudir con ERC poida repercutir nun descenso de apoio cidadán.

Así, argumentou que cre que "existe unha corrente de sintonía en torno ao BNG", no medio dunha situación de "involución da democracia" no conxunto do Estado e de "recentralización política contra as nacións sen Estado".

"A proposta que pon sobre a mesa a dereita, en calquera das súas tres fórmulas, coincide na  recentralización política e en ir contra as nacións sen Estado. A recentralización sempre é contraria á igualdade", remarcou, para logo concluír que "é unha candidatura que suma, porque cada voto que os galegos dean ao BNG fai que Galicia estea presente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

5 Xavolve

Piquei coma un paspán votando aos hoxe mareados podemitas eunionistas etc que hoxe en día xa nen saben eles mesmos que son. Voltarei votar BNG porque arestora teño claro que é o único voto galego que nos queda. Recuperáronme con traballo e feitos. Por min como si se axuntan cun partido murciano, volvéronme a ilusión nesta nación de equidistantes enleadores.

4 uu1

Alguém se lembra de quando o BNG conseguia mais de 300 mil votos? Mais uma vez: para quando um “Partido Galeguista como abandeirado de tódalas reivindicacións da Nosa Terra...” cita do Sempre em Galiza de Castelao.

3 Cirigaitas

Tremenda Eurodeputada!!..aos que hai que mandar para a casa son aqueles que elección municipal sí e tamén se apresenta e endexamais sacan mais de un o dous, de aburridos que teñen ao persoal...ou ´ças organización que cumpren 30 anos sen vender una escoba e seguen coa matraca da "revolución pendente"...

2 Carmen Lastra

E cantos anos leva Ana Miranda? Cantas lexislaturas sen recambio? E os resultados non son para revisar? É proclamada candidata vitalicia? Logo se xubilará? E terá SICAV en Luxemburgo como Camilo Nogueira que tamén foi eurocolocado polo BNG?

1 Mar Xinada

Empezou como eurodeputada en 2012. Encabezou por primeira vez a candidatura europea do BNG en 2009. ¿É para tanto? Antes fora asistenta do eurodeputado Camilo Nogueira, que permaneceu na Eurocámara entre 1999 e 2004. Aínda antes xa traballara directamente para as institucións europeas e tamén estivera formándose en centros universitarios europeos, entre eles o de Lovaina a Nova

1 comunista independentista

Ano 2058. "Ana Miranda liderará a candidatura do BNG ás europeas, eleccións ás que concorre con Foro Asturias, Pacma e Unión por Melilla".

1 Coherencia.

Ana Miranda repite por que é traballadora e está preparada, non coma outros eurodeputados de (PP-Podemos-PSOE). Se eres independentista, que non o eres, entenderás que o BNG se presente as eleccións europeas cos independentistas vascos e cataláns (Bildu-EH e ERC).