Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2018 | Actualizada ás 22:00
A Unión Independente de Transportistas Autónomos (UITA Asturias) anunciou este sábado a súa decisión de paralizar a subministración de madeira ás plantas de Ence en Pontevedra e en Navia (Asturias). Xustificaron a medida pola "ausencia de resposta" empresarial ante a petición de que se rectificase o cese de relación laboral co transportista acusado de agredir a dous ciclistas.
Nun comunicado remitido aos medios, basearon a súa determinación en que a empresa cortou a relación comercial cun profesional do sector cando o pasado 25 de outubro agrediu a uns ciclistas no marco dunha discusión relacionada cun incidente de tráfico ocorrido en Lourizán (Pontevedra). Para UITA, o conflito "nada ten que ver nin co cargador nin co destinatario (Ence) porque o altercado produciuse na vía pública e foi provocado precisamente polos que agora din ser vítimas".
"Neste tempo dificultou que a súa actividade se desenvolva noutros servizos sen investigar o ocorrido, nin valorar a versión do afectado", aseguraron. Segundo a plataforma, a difusión dos vídeos do suceso "xeraron un ruído que se saldou coa decisión de Ence- Pontevedra, a cuxa sede se dirixía o transportista, de castigar ao afectado cunha medida excesiva", que pasaba por impedirlle a entrada ás súas instalacións e que realizase contratos de transporte co seu provedor de servizos, co prexuízo económico consecuente
SEN RESPOSTA DA EMPRESA.
O pasado 4 de decembro os representantes da Plataforma mantiveron unha reunión cos responsables da empresa para solicitar a rectificación da súa decisión de cortar a súa relación laboral co transportista afectado e de dificultar o seu desenvolvemento profesional. Despois de ofrecerlle tempo á compañía para que adoptase as medidas solicitadas na citada reunión, e ao non obter resposta algunha dos responsables da empresa transformadora, a plataforma decidiu "dar un paso máis na súa loita polos dereitos do traballador afectado".
Do mesmo xeito, e a fío das "condicións de inseguridade" que rexistraron os profesionais do transporte de madeira nas sedes de Ence Pontevedra e Ence Navia, pediron á empresa que tome accións "para asegurar que as entregas da madeira se poidan efectuar en condicións de seguridade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.