Caballero achaca a ausencia de médicos ao "fracaso" e á "precariedade" da política sanitaria da Xunta

O líder do PSdG responde así ás declaracións de Feijóo nas que aseguraba que Galicia "nunca" tivera tantos medios en materia de saúde, ao tempo que afirmaba que o que falta son efectivos. Caballero sinala que os contratos "por horas" provocaron que moitos deses profesionais acabaran migrando.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/12/2018 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou que a ausencia de médicos para facer substitucións en Galicia é consecuencia do "fracaso" da política sanitaria da Xunta e da súa "estratexia de privatizacións e precarización". Aludiu aos contratos "por hora e semanas" que provocaron que "centos de médicos" emigrasen fóra de Galicia.

Gonzalo Caballero nun acto de partido. PSDEG
Gonzalo Caballero nun acto de partido. PSDEG

No acto de presentación da candidata socialista en Mos, Gonzalo Caballero criticou o modelo sanitario da Xunta, ao entender que a dimisión de máis do 80% dos xefes de servizo de Atención Primaria da área de Vigo, que se produciu esta semana, sumada a varias folgas de colectivos sanitarios, confirma o "fracaso da política sanitaria da dereita" e a súa "falta de compromiso cunha sanidade pública, universal e gratuíta".

"Cando agora Feijóo sinala que non hai médicos para dar solución aos problemas da sanidade pública recoñece o fracaso da política sanitaria do PP, porque centos de profesionais abandonaron Galicia polas condicións de precariedade, de contratos continuos de días e de horas que lle ofrecía o Sergas", remarcou o líder dos socialistas galegos en resposta a unhas declaracións do presidente.

Nesa intervención, este sábado, Feijóo aseguraba que Galicia "nunca tivo" tantos medios en materia de saúde, aínda que apuntaba, en relación aos problemas que denuncia o sector, cara ás carencias na capacidade de formación de persoal, porque o que necesita a comunidade "son médicos".

Para Gonzalo Caballero, Feijóo "ten que recoñecer o seu fracaso", "deixar de buscar escusas" e "rectificar" a súa política sanitaria, ademais de "cambiar os responsables", nunha posible referencia ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a quen non citou expresamente.

UNHA  "CONTRACOMISIÓN" SOBRE SANIDADE

O secretario  xeral do PSdeG enlazou as súas críticas coa posta en marcha por parte dos grupos da oposición no Parlamento de Galicia dunha "contracomisión" sobre sanidade. A iniciativa xurdiu despois de que PSdeG, En Marea e BNG decidisen abandonar a comisión de investigación que se puxo en marcha como protesta pola negativa do PP para aceptar a súa lista de comparecentes.

"Mañá no Parlamento galego evidenciaremos como o PP quere evitar deixar falar en sede parlamentaria a aqueles que coñecen os problemas da sanidade galega", ao non permitir intervir aos familiares do home falecido no PAC da Estrada sen que recibise atención médica, asegurou.

A situación da sanidade galega demostra, para Gonzalo Caballero, que "Feijóo está en tempo de desconto, o seu proxecto está esgotado" e que as súas políticas "fracasaron".

Así o manifestou en Mos o líder dos socialistas galegos, onde arroupou á súa candidata ás municipais, Vitoria Alonso, unha "muller nova e preparada, con ganas de darlle un cambio ás políticas municipais do PP".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta