Esixen a modernización do tren entre Ferrol e A Coruña, sen cambios en "case 100 anos"

Máis dun centenar de persoas criticaron que unha viaxe entre esas dúas cidades leve "o mesmo tempo" ca un traxecto entre A Coruña e Vigo. Sinalan que a mellora desta rede de transporte axudaría a reducir o custe ambiental dos desprazamentos por estrada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2018 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

Máis dun centenar de persoas mobilizáronse este domingo en Betanzos para pedir a modernización da liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña, un traxecto que realizaron a modo de reivindicación xusto antes da concentración. Esta liña leva case "100 anos" sen reformar e reclaman que se converta nunha "alternativa ao tráfico" de coches e vehículos pesados.

Concentración na praza Irmáns García Naveira. PLATAFORMA POLA DEFENSA DO TREN
Concentración na praza Irmáns García Naveira. PLATAFORMA POLA DEFENSA DO TREN | Fonte: Europa Press

A protesta, que estivo organizada pola 'Plataforma pola Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas', contou coa participación do rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, e do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Os participantes saíron en tren da cidade da Coruña ás 10.50, e de Ferrol ás 08.54 horas. Unha vez que chegaron a Betanzos, realizaron unha manifestación que finalizou na praza de Irmáns Naveira.

Alberto Díaz, portavoz da Plataforma, denunciou que o traxecto de 30 quilómetros entre A Coruña e Betanzos tarda até 30 minutos en tren. No caso da viaxe entre Ferrol e A Coruña, de 69 quilómetros, o traxecto chega a alcanzar unha hora e vinte minutos, "o mesmo tempo" que se tarda en cubrir en ferrocarril a distancia de 180 quilómetros desde A Coruña e Vigo.

Estes datos poñen de manifesto "a diferenza de investimento", polo que os impulsores da Plataforman demandaron a modernización da liña. Entre outras medidas, propoñen a construción dunha "dobre vía nas estacións" que permita aos trens cruzarse e a mellora dos apeadeiros para que cumpran condicións de accesibilidade.

Cuns "investimentos xustos" poderíase implantar un "tren de proximidade" que permitiría, apunta, desconxestionar o tráfico rodado. En cifras, o portavoz da Plataforma sinala que arredor de 150.000 vehículos acceden á Coruña a diario, a "maioría cunha soa persoa". Nunha cidade con 250.000 habitantes, iso xera un "colapso impresionante" e elevados niveis de CO2.

Nese sentido, a Plataforma sostén que a liña "podería dar un servizo de calidade a máis de 600.000 persoas e reducir o custo ambiental dos desprazamentos por estrada en vehículo privado".

RECLAMACIÓN LIÑA DE FERROL A ASTURIAS

A asociación continuará coas súas protestas, centradas tamén na mellora da rede ferroviaria de ancho métrico que conecta Ferrol con Ribadeo e Asturias. Alberto Díaz avanzou que se realizará unha manifestación en Ferrol o próximo ano para reivindicar melloras noutra das liñas que "está esquecida", dunha forma tan "drástica" que até se realizan continuos "transbordos en autobús" e non "hai traballadores suficientes nin interventores".

"Renfe e Adif teñen que contratar persoal e investir nun servizo público que a cidadanía demanda, para que o ferrocarril se converta en motor da economía", cun transporte "público máis eficaz e eficiente", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Non é certo que a liña non mudara " en 100 anos". Ten vía con travesa de formigón, e control de tráfico centralizado, cousas que, evidentemente,non había fai cen anos. O que non mudou é o trazado ( que so permite velocidades baixas) , e o inconveniente do cambio de sentido en Betanzos infesta, que penzaliza moito o tempo. Sen un cambio de trazado, con variantes, e un bye pass en infesta, é imposible mellorar o tempo da viaxe.