Xoias do románico galego custodiadas en Madrid: historia e segredos do patrimonio 'emigrado'

Investigadores do Museo Arqueológico Nacional e da Université Bordeaux Montaigne analizaron por primeira vez os restos cromáticos de varias pezas de arte románicas galegas que se gardan na capital de España: as columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela, o parteluz da igrexa de Santiago de Vigo que representa a Cristo Salvador e o relevo coa escena do bautismo de Cristo de Montefaro, en Ares.

Por Alberto Quian | Madrid | 09/01/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Galicia non é allea a esa paradoxal práctica de conservar xoias do patrimonio dun lugar en terreo foráneo. Arte 'emigrada' –ou espoliada, ás veces– que perde parte da súa esencia fóra da súa contorna e ambiente natural. Varias xoias do románico galego son custodiadas polo Museo Arqueológico Nacional (MAN), en Madrid. Quen queira, pode admiralas na Sala 27, dedicada aos reinos cristiáns medievais da Península Ibérica. En decembro de 2017 xurdiu a posibilidade de realizar un primeiro estudo analítico, non invasivo, a algunhas das pezas románicas realizadas en mármore que se expoñen no MAN. O obxectivo: analizar tanto a colorimetría do mármore como a posible presenza de restos de policromía. As seleccionadas foron dúas pezas procedentes do mosteiro leonés de San Benito de Sahagún —o relevo da Virxe co Neno e a cuberta do sepulcro de Alfonso Ansúrez—, así como catro de procedencia galega —dúas columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela, o parteluz da igrexa de Santiago de Vigo que representa a Cristo Salvador e o relevo coa escena do bautismo de Cristo procedente de Montefaro (A Coruña)—.

Apóstoles nas columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela / VIDAL ÁLVAREZ, Sergio; SAVIN, Marie-Claire; BIRON, Carole. «Opus artificum universa» estudio colorimétrico de la escultura románica en mármol del Museo Arqueológico Nacional: ejemplos de Galicia y León = «Opus Artificum Universa» Colorimetric Study of the Marble Romanesque Sculpture in the Museo Arqueológico Nacional: Examples from Galicia and León. Espacio Tiempo y Forma. Serie I, Prehistoria y Arqueología, [S.l.], n. 11, p. 129-146, dic. 2018. ISSN 2340-1354. Disponible en: <http://revistas.uned.es/index.php/ETFI/article/view/22384>
Apóstoles nas columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela / VIDAL ÁLVAREZ, Sergio; SAVIN, Marie-Claire; BIRON, Carole. «Opus artificum universa» estudio colorimétrico de la escultura románica en mármol del Museo Arqueológico Nacional: ejemplos de Galicia y León = «Opus Artificum Universa» Colorimetric Study of the Marble Romanesque Sculpture in the Museo Arqueológico Nacional: Examples from Galicia and León. Espacio Tiempo y Forma. Serie I, Prehistoria y Arqueología, [S.l.], n. 11, p. 129-146, dic. 2018. ISSN 2340-1354. Disponible en:

Os autores das análises veñen de dar a coñecer os seus resultados nun artigo científico titulado '«Opus artificum universa». Estudio colorimétrico de la escultura románica en marmol del Museo Arqueológico Nacional: ejemplos de Galicia y León'

O traballo permitiu realizar unha primeira caracterización arqueométrica das canteiras de mármore do Incio

Ata agora, no MAN non se abordara unha investigación arqueométrica das pezas románicas que conserva o museo. O traballo permitiu realizar unha primeira caracterización arqueométrica das canteiras de mármore do Incio (Lugo), a miúdo citadas como posible procedencia local de moitas das pezas escultóricas marmóreas do noroeste ibérico. Os resultados das análises distinguiron tres tipos de mármores de gran fino-medio opacos no Incio: unha variedade branca, unha bandeada e unha gris escuro.

Entre os métodos utilizados, a colorimetría foi empregada para definir de maneira cuantitativa a cor do mármore e introducir esta información nunha base de datos colorimétrica de mármores peninsulares. Os restos de policromía conservados nas pezas analizadas mostráronse escasos e, na súa maioría, de dimensións moi reducidas (case sempre inferiores a un centímetro cadrado). Doutra banda, non foi posible definir a datación exacta dos restos dos pigmentos analizados debido a que, do mesmo xeito que se sabe que na súa orixe a escultura románica en pedra estaba habitualmente policromada, é tamén sabido que este tipo de pezas foron obxecto de sucesivos repintes, sendo frecuente a superposición de varias capas pictóricas ao longo dos séculos, explican os investigadores.

En todas as pezas analizadas se constatou a presenza dalgún tipo de aplicación pictórica, agás na cuberta de sartego de Alfonso Ansúrez, onde non se detectou traza algunha de cor

As análises das pezas permitiron aos investigadores constatar que non se utilizou nelas ningunha capa de preparación, polo que a pedra puido recibir a pintura de forma directa. Ademais, o vermello e o amarelo foron as cores presentes con maior frecuencia. Con todo, os investigadores matizan sobre a presenza do vermello, xa que, en realidade, son os ocres os que predominan, sendo a única excepción polo uso de vermello intenso a inscrición do relevo da Virxe co Neno de Sahagún. 

As columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela son as pezas que conservan o maior número de evidencias de policromía

Este traballo enmárcase no proxecto de investigación 'Graver dans le marbre: Routes et Origine des Marbres Antiques d’Aquitaine et d’Espagne (ROMAE)', financiado polo Laboratoire d’Excellence Sciences Archéologiques de Bordeaux (Francia) e integrado por investigadores do IRAMAT-CRP2A (Institut de recherche sur les Archéomatériaux – Centre de recherche en physique appliquée à l'archéologie, Francia) da Universidade de Vigo, do Institut Català d'Arqueologia Clàssica e da Universidad de Zaragoza. O traballo tamén se encadra no marco do proxecto de investigación 'Marmora Galicia: identificación y estudio de la explotación, empleo y circulación de los mármoles del NW peninsular desde época romana'.

COLUMNAS DE SAN PAIO DE ANTEALTARES

Estas columnas son as que conservan o maior número de evidencias de policromía do conxunto de pezas analizadas.

Forman parte dun conxunto de catro que constituían os soportes da mesa do altar maior da igrexa do mosteiro de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela. Do conxunto de catro columnas consérvanse tres, dúas delas custodiadas desde 1930 polo Museo Arqueológico Nacional, representando nun caso a San Pablo, San Pedro e San Andrés, e, noutro, a Santiago o Maior, Bartolomeu e Mateo; e unha terceira, con Simón, Matías e Xudas Tadeo, atópase no Fogg Art Museum da Universidade de Harvard (Estados Unidos), onde ingresou en 1932 grazas a unha permuta de pezas realizada co MAN (no troco puido ser recuperada para España a cuberta do sartego de Alfonso Ansúrez, incluída neste estudo). 

Estas columnas simbolizaban os catro alicerces sobre os que se sustentaba a Igrexa de Xesucristo e nelas aparecen as imaxes dos apóstolos. A súa difusión era moi conveniente, pois os apóstolos representaban o modelo de vida en comunidade que debía ser copiado na vida  monástica.

Nas custodiadas en Madrid aparecen os apóstolos Santiago o Menor, Mateo e Bartolomeu. Os seus trazos presenta grandes semellanzas: ollos grandes, barba rizada, flequillo e pliegues caligráficos nas vestiduras. Os tres levan un nimbo de santidade detrás das súas cabezas no que se atopa escrito o seu nome en latín.

As columnas puideron ser realizadas por dúas mans ou equipos escultóricos distintos, a inicios da segunda metade do século XII

Os expertos coinciden en sinalar que a función destas columnas foi a de servir como soportes de altar procedentes do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares. Polas súas dimensións, superiores ao metro de altura, a ara que sustentaron puido ter unhas dimensións considerables e que, en todo caso, sería maior que a mesa marmórea que hoxe se conserva no pequeno museo do mosteiro compostelán.

As pezas, segundo os investigadores, mostran certas diferenzas de estilo, o que permite atribuílas, polo menos, a dúas mans ou equipos escultóricos distintos, podendo datarse, por comparación con outras pezas compostelás afíns, a inicios da segunda metade do século XII.

Mediante observación macroscópica do material empregado na elaboración desta parella de pezas, observouse que se trata dun mármore de boa calidade, en ambos os casos branco/gris, de gran fino-medio e con translucidez media.

Segundo os científicos, lembra á calidade estética do material das canteiras do Anticlinal de  Estremoz (Portugal), pero advirten de que se debería verificar analiticamente cos métodos invasivos habituais a procedencia. Sen esa verificación, din, non se pode descartar por completo unha posible procedencia local, ao existir mármores  bandeados similares.

En canto á  policromía, a primeira das columnas, con San Pablo, San Pedro e San  Andrés, mostra trazas de negro nas letras das inscricións. Por exemplo, no libro que porta Pablo ( Filipenses 1,23), lese en latín: "Eu Pablo desexo morrer e estar con Cristo, pois creo que é moito mellor". Os investigadores non aprezaron baixo o negro restos doutras capas de cor.

A figura de San Pablo presenta, ademais, trazas de marrón/ocre nunha das uñas do seu pé dereito. Debaixo, e en diversos puntos do fondo, observáronse marcas dun bordo negro que discorre ao redor da parte inferior da peza, así como outros bordos de cor branca e vermella.

O nimbo de San Pedro mostrou restos de pigmentación avermellada, podendo analizarse na unión entre o nimbo e o pescozo do apóstolo, á súa esquerda.

A figura de San Andrés presenta restos de vermello no beizo superior así como un punto amarelo sobre o seu ollo esquerdo.

A segunda columna, coa imaxe de Santiago o Maior, Bartolomeu e Mateo, mostra tamén restos na parte inferior dun bordo negro, pero tamén cores grises. A escocia da base, así como o ancho listel que separa baséaa dos apóstolos, presentaron un ton avermellado que, neste caso, non se corresponde con restos de  pigmentos, senón coa impregnación que estes provocaron na superficie do mármore.

Non se detectaron restos de  pigmentos nos orificios dos ollos dos personaxes, polo que os científicos se aliñan coa hipótese de que neses orificios encaixaría algún elemento (pedra dura, vidro...) que achegaría realismo á súa mirada.

PARTELUZ DA IGREXA DE SANTIAGO DE VIGO CON CRISTO SALVADO

Os expertos consideran que se trata do parteluz da desaparecida igrexa de Santiago de Vigo, seguramente realizada por un mestre ou taller vinculado con Santiago de Compostela.

Por comparación coas producións escultóricas románicas compostelás, esta obra dátase no segundo terzo do século XII. 

Observouse que a peza foi tallada a partir da reutilización do que parece ser un fuste de columna, posiblemente de época romana, pois a metade traseira da peza é semicilíndrica.

O parteluz da antiga Igrexa de Santiago de Vigo puido realizarse con mármore da variedade branco-gris identificada nas canteiras do Incio

A obra representa a Cristo Salvador sostendo un libro aberto e cos pés sobre dous leóns. No  nimbo aparece a inscrición en latín "Señor eterno, omnipotente e clemente, reitor de todas as cousas".

As análises permitiron constatar que o mármore é bandeado branco-gris de gran fino-medio que non presenta translucidez. Tamén que a pedra non foi tallada seguindo a orientación xeolóxica do bandeado da pedra, senón de maneira perpendicular a este, algo propio doutras obras do románico galego, como o relevo de Montefaro que tamén se incluíu neste estudo

Os expertos explican que dita disposición implica unha menor resistencia mecánica á presión, o que en xeral indica que a peza non tería función de soporte de carga, senón un papel principalmente escultórico.

O aspecto visual do mármore coincide perfectamente coa variedade branco-gris identificada nas canteiras do Incio. Con todo, os investigadores explican que existen en Galicia outros mármores moi similares, polo que, sen unha análise de tipo invasivo, non se pode descartar nin a súa orixe local nin outra máis afastado, pirenaica ou portuguesa.

Nesta peza atopáronse unicamente escasos restos de vermello, na zona inferior do nimbo, á dereita de Cristo e nos bordos externos dos seus pés, á altura dos nocellos.

RELEVO DE MONTEFARO CON BAUTISMO DE CRISTO

Este relevo representa a escena do bautismo de Cristo, procedente do antigo Mosteiro de  Montefaro, en Ares (A Coruña), aínda que a súa cronoloxía —século  XII— é anterior ao mesmo, polo que os expertos cren que puido proceder dun enclave eclesiástico máis antigo.

O baixorrelevo de Montrefaro presenta a mesma calidade marmórea que a peza de Santiago de Vigo

Esta obra ten unha particularidade iconográfica: representa a Xoán vestindo alba e dalmática, o que, segundo os investigadores, reforza o vínculo da escena coa liturxia bautismal da época.

O baixorrelevo presenta a mesma calidade marmórea que a peza de Santiago de Vigo. Trátase, por tanto, dun mármore tamén bandeado branco-gris de gran fino-medio sen  translucidez, tallado de maneira perpendicular á orientación das vetas da pedra.

Os restos de policromía son tamén de cor vermella, detectándose na parte posterior de San Juan Bautista. Ademais, detectáronse decenas de trazas de cor amarela, como na liña do cabelo de Cristo que discorre por enriba do seu ollo dereito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ith

Todas as metrópoles teñen nos seus museos trofeos das súas colonias. O MAN de Madrid ten un tesouro de ouros galaicos, a RAdH tamén, etc, etc. A sociedade galega non coida o que temos no noso país como para esixir que nos volvan o resto...