Nace 'Referentes Galegas', unha guía de mulleres con talento para as novas xeracións

Este directorio pretende facer visible entre a mocidade o traballo de figuras femininas, ademais de aumentar a súa presenza en espazos públicos. Alfonso Rueda fixo fincapé na necesidade de "promover a igualdade desde o principio" e lembrou que hai "magníficas científicas" que cómpre coñecer.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2018 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O directorio 'Referentes Galegas' presentouse en sociedade como unha ferramenta para "visibilizar e dar a coñecer" o traballo de mulleres profesionais "de referencia" entre as novas xeracións e darlles presenza en medios de comunicación, mesas e círculos de debate. O obxectivo é que as mozas saiban desas mulleres con talento onde mirarse.

Presentación do directorio 'Referentes Galegas'
Presentación do directorio 'Referentes Galegas' | Fonte: Europa Press

No acto, celebrado na Cidade da Cultura e conducido pola presentadora Silvia Jato, interviñeron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes.

Na presentación, Silvia Jato destacou que a visibilización das mulleres é "unha necesidade que non entende de política" e que ten que ser "palmaria". "Non existe ningunha dúbida de que as mulleres teñen que estar presentes", remarcou a presentadora de televisión.

Ademais, Mónica Peláez e Lida Enrich, membros da directiva de Executivas e coordinadoras de 'Referentes Galegas', deron detalles do proxecto, antes de dar paso ao debate de referentes no que falaron mulleres do ámbito empresarial, político e educativo.

REFERENCIA PARA AS MÁIS NOVAS

Carla Reyes sinalou que, hoxe en día, as nenas e as mozas "teñen 'bloggers' e 'influencers' nas que mirarse", pero "cando teñen que escoller futuro profesional, non atopan referencias". Ao seu parecer, isto supón "unha barreira para alcanzar a igualdade".

A presidenta de Executivas lamentou que haxa "programas de congresos, xornadas e mesas de debate nas que só participan homes", e lembrou que "hai mulleres destacadas en todos os ámbitos da sociedade".

Neste sentido, explicou que o obxectivo deste directorio é funcionar como unha guía, de modo que se consiga unha "maior presenza de mulleres en medios de comunicación como fontes e expertas, pero tamén noutros lugares nos que se crea opinión".

Reyes subliñou que "a igualdade implica unha sociedade máis xusta e tamén máis rica", e asegurou que "Referentes é un proxecto vivo que seguirá crecendo día a día".

PERDA DE TALENTO EN GALICIA

Acto seguido tomou a palabra Alfonso Rueda, que admitiu que a visibilización das mulleres na sociedade "é algo que tiña que estar a funcionar desde hai tempo" e que "había un baleiro máis que evidente" con directorios "que non respondían á realidade". O vicepresidente avogou por "cambiar a situación" e darlle ás mulleres "voz e o protagonismo que merecen". "Hai moitos homes que fan as cousas moi ben, pero tamén mulleres", engadiu.

Rueda expresou o seu desexo de que a ferramenta "sexa útil para medios e organismos" de modo que "se consiga que as mulleres poidan colaborar e participar" para que "nas mesas estean os mellores e tamén as mellores".

Tamén salientou a necesidade de conseguir dotar ás máis novas de referentes, e argumentou que "se debe promover a igualdade desde o inicio". Rueda alertou de que "Galicia está perdendo a mulleres con moitísimo talento", e lembrou que hai "magníficas científicas" ás que "hai que visibilizar".

OBXECTIVO SUPERADO

Marta Peláez e Lida Enrich explicaron como funciona o directorio e os requisitos para formar parte da base de datos que dá contido á guía.

Peláez asegurou que "se cumpre un soño" e celebrou superar o obxectivo de inscritas no primeiro ano: "Queriamos chegar a cen mulleres antes de final de ano e xa levamos 170", sinalou. Coa mirada posta no futuro, puxo o listón en "500 mulleres o próximo ano".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta