A oposición de Vigo reclama o "peche preventivo" da bancada de Marcador en Balaídos

Solicitan ao goberno os informes técnicos que garantan a seguridade, despois da denuncia de varios afeccionados sobre a deterioración do estadio. Lamentan que a reforma de Balaídos é "o conto de nunca acabar"

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/12/2018 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición no Concello de Vigo esixiron este luns ao goberno municipal os informes técnicos que garanten a seguridade da bancada de Marcador do estadio de Balaídos, despois da denuncia de afeccionados e peñistas, que difundiron fotos nas que se ve a deterioración da bancada, danos no forxado e outras deficiencias. O grupo municipal de Marea incluso solicitou o "peche preventivo" desa zona de asentos.

Marea pide peche preventivo da bancada de Marcador
Marea pide peche preventivo da bancada de Marcador | Fonte: Europa Press

O grupo municipal do PP preguntoulle ao goberno local "como deixou que a bancada chegue a ese nivel de deterioración" e "que fixo para evitalo", ademais de "que garantías de seguridade" lles dá aos afeccionados que ocupan esa bancada cando acoden a un partido en Balaídos. "Podería ocorrer un accidente gravísimo, e o alcalde botaríalle a culpa ao Celta ou ao PP", apuntou, e denunciou a "neglixencia absoluta" do equipo de Abel Caballero.

A portavoz popular, Elena Muñoz, lamentou que "quen permitiu a deterioración" da bancada "é o alcalde", que "leva anos facendo promesas", e lembrou que o goberno vigués incumpriu tódolos prazos das obras de reforma do estadio. "En setembro tiña que estar presentado o proxecto básico das obras de Gol e Marcador. Onde está? Non hai nin un euro consignado para esas obras no orzamento de 2019", criticou.

"PECHE PREVENTIVO"

Pola súa banda, o grupo municipal Marea de Vigo tamén trasladou que pediu os informes técnicos sobre a situación da bancada e as garantías de seguridade, e lamentou que "parece que o goberno local funciona a golpe de denuncia cidadá".

A ese respecto, o portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa, reclamoulle ao goberno de Abel Caballero o "peche preventivo" da bancada de Marcador, e que os afeccionados sexan recolocados nas zonas reformadas do estadio para evitar problemas.

Marea cuestionou tamén a forma en que se está abordando a reforma do estadio, e insistiu en que a obra debería ser acometida unicamente polo Concello, propietario da infraestrutura, que recuperaría posteriormente o investimento co canon anual que se cobra ao Real Club Celta. "Non é tan difícil, un exemplo é A Coruña, que reformou o seu estadio. Non será tan bonito nin tan caro, pero os coruñeses teñen un estadio seguro e accesible, e sen tanto ruído", engadiu.

Mentres, o concelleiro de Marea, Xosé Lois Jácome, lamentou que a reforma de Balaídos é "o conto de nunca acabar", e advertiu de que a solución pasa polo "diálogo", "unha palabra que non coñece este goberno municipal, que só sabe o que significa a palabra confrontación, e non ten outra maneira de relacionarse co resto de institucións e administracións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta