Nace unha nova aplicación para medir a presenza do galego nos comercios

Permite localizar os negocios tanto en modo mapa como en modo busca, filtrando tanto polo nome como por categorías.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 17/12/2018 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

Unha aplicación móbil medirá e porá en valor a presenza da lingua galega nos estabelecementos comerciais e de servizos. Esta ferramenta, presentada este luns en Pontevedra, será gratuíta e está dispoñíbel para terminais móbeis Android e IOS nas principais plataformas dixitais. 

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Celia Armas, directora de Abertos ao galego; e o deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra, Xosé Leal
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Celia Armas, directora de Abertos ao galego; e o deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra, Xosé Leal | Fonte: A Mesa

O funcionamento da aplicación é sinxelo, intuitivo. Permite localizar os negocios tanto en modo mapa como en modo busca, filtrando tanto polo nome como por categorías. Cada persoa usuaria rexistrada pode puntuar, do 1 ao 5, o uso que se fai da lingua galega na atención oral, escrita e virtual de estabelecementos e comercios. Tamén se poden facer comentarios adicionais, para ampliar a precisión da valoración. A App fica, ademais, aberta a novas incorporacións, que se poden cursar a través dun sinxelo formulario dixital.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Celia Armas, directora de Abertos ao galego; e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, foron os encargados do lanzamento deste novo producto dixital. "Os estabelecementos que apostan polo galego fano dun xeito consciente, cunha aposta polo propio, pola calidade e pola proximidade", salientou Leal. 

"Nós, desde a Administración, podemos e debemos apoialos no noso día a día e animar outras persoas a faceren o mesmo", apuntou Maceira. "A App Abertos ao galego quere apoiar este compromiso co propio, facendo visíbeis os centos de negocios "abertos ao galego" espallados por todo o país", explicou Celia Armas. 

QUE O PÚBLICO VALORE

Esta nova App xorde co obxectivo de que o público valore e priorice o consumo e utilización de servizos proporcionados en estabelecementos lingüisticamente responsábeis. A aplicación móbil forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. 

Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego,  até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosándolle á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 límico

Páreceme unha excelente aplicación. O feito de que me atendan na miña lingua para min e un motivo para mercar nese establecemento.

1 nostrus

Todas los esfuerzos fascistas destinados a entrometerse en la libertad de las personas y coaccionarlas siempre serán mal vistos.

1 epg072

Mais que coacción yo lo veo como un refuerzo positivo. Se premia determinada conducta. O Mercado hai que educalo