Enfado en cargos de PPdeG polos xeitos nos que Feijóo cesou á directora xeral para o Deporte

O presidente da Xunta barallou a opción de que Lete Lasa fora enchufado na Autoridade Portuaria de Vigo en substitución de López Veiga, pero o novo secretario xeral insistiu en volver ao seu antigo posto, o que obrigou a cesar a Marta Míguez sen ningún tipo de explicación. Boicot do mundo do deporte na súa toma de posesión.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/12/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O cese sen ningún tipo de motivación da xa ex directora xeral para o Deporte, Marta Míguez, para enchufar no seu posto a José Ramón Lete Lasa, causou perplexidade e enfado en numerosos cargos do PPdeG non só polas formas, senón tamén polo significado que ten. “Se fixo como fixo con Marta pode facer o mesmo con calquera de nós”, asegura un alto cargo consultado por GC.

“Ao señor Lete propuxémoslle que viñera de Madrid no ano 2009, tomou a súa decisión de prescindir de residir en Madrid. No ano 2016 eu lle propuxen que asumira o reto de asumir a Presidencia do Consejo Superior de Deportes e volveu ir a Madrid e senón fora por iso pois seguiría sendo hoxe secretario xeral... Como consecuencia da moción de censura, e como é unha persoa da canteira, dun xestor do deporte en Galicia, pois volveu aos seus plantexamentos”. Así explicou Feijóo o pasado xoves a volta de Lete Lasa a Deportes.

O presidente galego confirmou o que xa era un segredo a voces; que cesaba a Marta Míguez para enchufar ao seu “amigo” Lete Lasa. A propia cesada aseguraba un día antes que descoñecía os motivos da súa marcha. Un adeus que provocou unha revolución no mundo do deporte polo ben que, segundo eles, o estaba facendo a deportista ourensá. Algúns presidentes mesmo ameazaron con dimitir en bloque e outro activaron unha campaña na plataforma Change.org para pedir que non se cesara.

“Lete vaino ter moi fastidiado, polo menos, agora estes meses”, apuntan fontes do mundo do deporte consultadas. “A saída dese xeito de Marta causou moito enfado. A xente está moi, moi cabreada con el e, sobre todo, con Feijóo”, indican. E unha boa mostra dese cabreo foi que a súa toma de posesión só acudiron tres presidentes de federacións. “Os máis pelotas”, sinala un deportista, “o resto démoslle planto”. E iso que Lete Lasa encheuse a facer chamadas para tentar que non lle fixeran o vacío.

Feijóo nomea a José Ramón Lete tras cesar a Marta Míguez
Feijóo nomea a José Ramón Lete tras cesar a Marta Míguez | Fonte: Xunta

NON SE ENTENDE DENTRO DO PPdeG

E o cabreo non só e no mundo do deporte. Tamén entre a militancia e os altos cargos do PPdeG o cese de Marta Míguez non sentou nada ben. E non tanto polas formas, que tamén, senón polo que iso significa; a posibilidade de que o presidente cese a quen queira, sen motivos aparentes, para colocar a un dos seus “amigos”.

Porque tamén dentro do Partido Popular de Galicia están convencidos de que o nomeamento de Lete Lasa ten que ver coa súa “amistade” con Feijóo e coas supostas “débedas” que o presidente galego tiña con el logo de “quedar sen traballo” tras a chegada de Pedro Sánchez ao goberno central. O propio presidente galego confirmou que Lete Lasa marchou a Madrid recomendado por el e “senón fora pola moción de censura” seguiría na capital do estado. “Como é unha persoa da canteira –do PPdeG-- pois volve ao seu posto”, dixo. Todo un aviso a outros navegantes do PP sen fidelidade absoluta ao presidente.

A ALTERNATIA B

De feito, e segundo as fontes consultadas, foi o propio Lete Lasa quen presionou a Feijóo para volver ao seu antigo posto. E o fixo con tanta insistencia que, finalmente, acadou o seu obxectivo. Desde o PPdeG tiñan unha alternativa B para o novo secretario xeral para o Deporte que era que ocupara a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo, é dicir, que substituira a Enrique López Veiga.

O ex conselleiro de Pesca ten xa 71 anos e non vería con malos ollos a súa retirada, sobre todo, logo do acontecido co accidente do Marisquiño, que lle chega ao final da súa carreira política. E, precisamente, ese accidente, as súas consecuencias legais e a imaxe política que xera o enfrontamento co Concello de Vigo foi o que quixo evitar Lete Lasa. Finalmente, Feijóo cedeu e acabou sacrificando a unha muller, a pesar dos seus supostos compromisos coa paridade e a igualdade do xénero no deporte, para meter a un dos seus amigos.

Benito Suárez, Rajoy, Gómez Noya e Lete Lasa.
Benito Suárez, Rajoy, Gómez Noya e Lete Lasa. | Fonte: @europapress_es
Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte
Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte | Fonte: xunta.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta