Profesionais sanitarias cualifican de antidemocrática a suspensión da xornada “Mulleres e Saúde” en Vigo

A xuntanza ía realizarse no museo Marco de Vigo o pasado sábado 15 de decembro, pero finalmente celebrouse no Café de Catro a Catro na cidade olívica.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 18/12/2018 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A xornada “Mulleres e Saúde” que contaba coa participación da eurodeputada Lidia Senra, xerou a polémica arredor da temática da xuntanza. A reunión debatería sobre a conveniencia ou non de distintos tipos de actuacións médicas sobre a saúde das mulleres. Entre algúns dos puntos a debater estaban a vacina do papiloma humano.

Vacina, vacinación, gripe, enfermidade, enfermeira, inxección
Vacina, vacinación, gripe, enfermidade, enfermeira, inxección

O museo MARCO de Vigo sería o lugar onde se ía celebrar o encontro, que finalmente foi levado á Cafetaría De Catro a Catro tamén en Vigo. Desde a organización apuntouse a presións dalgúns medios sobre o concello para suspender a xornada dentro do MARCO. 

En relación a isto, e vista a polémica desatada arredor do acontecido, dúas profesionais da medicina enumeran nunha serie de puntos o seu parecer tanto da actitude do Concello de Vigo como dos temas que se debateron na xornada. As dúas profesionais son Carmen Mosqueira, médica-epidemióloga e Especialista en Saúde Pública e Luisa Lores, radióloga e Máster en Xestión e Economía da Saúde. Nun comunicado enviado aos medios consideran que “o veto á nosa reunión foi profundamente autoritario e antidemocrático”.

No comunicado, as dúas especialistas resaltan que se necesita “unha frase e uns segundos para convencer á poboación de que se poña unha vacina ou se faga unha mamografía”, pero tamén que é necesario “moito máis tempo para explicar por que non deberían xeralizarse estas recomendacións até que se comprobe de forma fiable que os beneficios superan amplamente aos prexuízos ocasionados”. Destacan que isto debera terse en conta especialmente se non se trata de curar a unha persoa enferma, senón de actuar sobre unha persoa sa.

Por outra banda desexan deixar claro que “non somos un colectivo antivacinas, senón profesionais críticas con algunhas decisións que consideramos insuficientemente fundamentadas, e que xa foron desestimadas”. Como exemplo poñen a non cesión á “presión dos lobbies en países solventes como Suíza coa suspensión do Cribado de Mama, e Xapón
retirada da vacina do Virus do Papiloma Humano (VPH) do calendario vacinal”.

Luisa Lores e Carmen Mosqueira sinalan no seu comunicado que “o cribado de cancro de mama está cuestionado, xa que por unha banda comporta unha taxa significativa de sobrediagnóstico”,  cousa que leva a un “tratamento innecesario de mulleres que nunca desenvolverían cancro”. Por outra partre “a supervivencia é similar entre as mulleres cribadas e as non cribadas”.

Lembran ademais que “10.000 profesionais en España, incluíndo a máis da metade dos catedráticos de saúde pública, asinaron un manifesto para frear a inclusión da vacina do VPH no calendario vacinal”. No manifesto esixían unha moratoria polas dúbidas existentes sobre o custobeneficio e “porque ninguén puido comprobar que realmente preveña o cancro de colo de útero”.

Tampouco esquecen que a industria farmacéutica está no ollo de mira, mesmo as que fabrican a vacina para o virus do papiloma humano, VHP. “Foron condenadas polos tribunais, na década pasada, por falsear conscientemente a información sobre os seus fármacos, ocultando os graves efectos adversos que provocaban”, e poñen como exemplo “o caso do antiinflamatorio Vioxx e o antidiabético Avandia”. Indican tamén que “asociacións profesionais que toman decisións sobre as vacinas están financiadas pola industria alimentaria e farmacéutica, incluíndo ás empresas que
comercializan a vacina do VPH”.

Destacan tamén que o “Informe semestral da vacina do VPH do Ministerio de Sanidade”, no 1º semestre de 2018 foron notificados 76 casos de nenas con sospeita de reaccións adversas á vacina, das cales 33 foron clasificadas como graves”. Debido a estas graves consecuencias “pedimos estudios clínico-epidemiolóxicos que investiguen esas sospeitas e a seguridade da vacina”.

Consideran que os “consentimentos informados” en ambas actuacións sanitarias son
incompletos, a pesar de que provocan efectos secundarios que poden ser graves, o que incumpre a “Lei de Autonomía do Paciente””. Xunto a isto, conclúen que as recomendacións médicas deben basearse na investigación pública e independente, ademais de pediren a práctica da ética xornalística, para dar información veraz e contrastada.

Por último reclaman que “as mulleres somos maiores de idade e temos dereito a debater sobre calquera tema, especialmente sobre os temas de saúde que nos preocupan e nos afectan, para dispoñer de información científica independente, que nos permita tomar as nosas propias decisións”.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta