Feijóo ataca ás Mareas polas súas críticas mentres anuncia que os novos contratos para médicos serán de 1 a 3 anos

O presidente da Xunta di que agora os concertos na sanidade son menos que co bipartito e acusou a Luis Villares de "tocar de oído" en temas de sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2018 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, concretou este mércores algunhas das medidas avanzadas na pasada xornada após a reunión con profesionais da Atención Primaria galega. Así, ratificou que se ofertarán contratos "estables" de entre un e tres anos "a todos os médicos de familia e pediatras que se formen en Galicia".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. XUNTA - Archivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. XUNTA - Archivo | Fonte: Europa Press

Do mesmo xeito, na sesión de control, ratificou que, desde o 1 de xaneiro, os médicos do Sergas cobrarán un 6 por cento máis en cada nómina --un incremento que xa incluiría a subida salarial do 2,25 por cento para os funcionarios que aprobará o Goberno central-- e que se ampliará a idade de xubilación até os 70 anos.

Ao tempo, durante o cara a cara coa portavoz do BNG, Ana Pontón, quen o instou a "rectificar" unhas políticas de "recortes" que o converteron "nun perigo para a saúde" dos galegos, o presidente anunciou que se incorporará un responsable de dirección de Atención Primaria en todas as xerencias sanitarias.

Feijóo puxo sobre a mesa estas medidas no medio dun conflito na sanidade que ten como pano de fondo a dimisión en bloque de máis dunha vintena de xefes de servizo de Atención Primaria en Vigo. De feito, a sanidade está a ser o foco deste último pleno do ano e tamén o portavoz de En Marea, Luís Villares, o interrogou ao respecto.

Villares denunciou que en novembro transcendeu "unha transferencia de crédito interna en sanidade" mediante a que se derivarían miles de euros de investimentos en terreos, programas de loita contra as drogas e xestión e coordinación no primeiro nivel asistencial para "o concerto con entidades privadas", e esixiu explicacións ao presidente.

Feijóo contestou que os concertos "son menos" agora que co bipartito e acusou a Villares de "tocar de oído" en xestión sanitaria. Así mesmo, optou polo contraataque a modo de defensa: instouno a cooperar e trasladar a alcaldes "das mareas" en concellos como Ferrol ou da zona do Morrazo a necesidade de que axilicen procedementos que faciliten licenzas e terreo para ampliar ou construír infraestruturas sanitarias nas súas localidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta