Galicia e a súa longa e triste historia de naufraxios

No que vai de século afundiron xa máis de cen barcos. Os pesqueiros son os que máis vítimas teñen provocado nos últimos anos. O máis grave foi o do Bahía, con dez mortos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 20/12/2018 | Actualizada ás 08:15

Comparte esta noticia

Ás 13,49 horas deste mércores Salvamento Marítimo recibía unha alerta dunha radiobalizada do pesqueiro 'Sin Querer 2, con base en Portonovo'. Afundírase a 4,5 millas ao sur de Cabo Fisterra. Un novo accidente no mar que provocou a morte de tres persoas. Unhas horas despois, xa de madrugada era outro buque o que se afundía en Malpica. Morría o seu patrón.

Momento en que algún dos corpos dos mariñeiros mortos no Mar de Marín chegan á costa
Momento en que algún dos corpos dos mariñeiros mortos no Mar de Marín chegan á costa | Fonte: Vigoalminuto

Estas traxedias son as últimas dunha longa lista de naufraxios que sacoden á costa galega. De feito, nos 18 anos deste século afundiron en augas de Galicia máis de cen buques, a maioría deles adicados á pesca, aínda que tamén houbo sinistros de mercantes, barcos de recreo e de petroleiros. Un triste reconto que deixa máis de 50 falecidos, gran parte deles tamén galegos.

O naufraxio máis grave deste século tivo lugr o 3 de xuño do 2004, nas Sisargas. O buque Bahía afundía e levaba a vida de dez mariñeiros. Antes del, xa houbera máis mortos. Catro morreron no afundimento do Buraz, no 2000, na illa de Ons, outros cinco en Muxía no 2002, no Panchito e outros catro no Meloxeira, un pesqueiro coruñés que andaba ao pulpo e afundiu en Xacentes. Ese mesmo ano --un dos máis tráxicos nas costas galegas-- tamén morrían outros dous en Lobeira Chica, no Fervenza III. 

Logo duns anos sen graves accidentes, no 2011, outro pesqueiro de Malpica afundía a oito millas da Coruña. Era o Nuevo Luz. Morrían dous mariñeiros de 40 e 45 anos. Puideron salvarse o capitán e tres mariñeiros. Un ano despois era o Serviola Uno o que tamén naufragaba na ría de Muros. Morría outro traballador do mar. 

O 2014 foi outro ano tráxico no mar galego. O 17 de febreiro falecía outro tripulante no Nuevo Sara fronte a illa da Marola, na Coruña. Pouco despois, o 1 de abril eran cinco os que morrían no arrastreiro Mar de Marín tras unha colisión co mercante malaio Baltic Breeze. O ano remataba con outros tres mariñeiros desaparecidos no Paquito II, un bateiro afundido en Cabo de Cruz. 

Rescate dun mariñeiro tras o naufraxio e afundimento dun barco
Rescate dun mariñeiro tras o naufraxio e afundimento dun barco | Fonte: Antena 3

LANCHAS

Con todo, as mortes no mar non só foron provocadas por accidentes de grandes barcos. Embarcacións máis pequenas; lanchas e chalupas, tamén sufriron graves sinistros. Golpes de mar levaron a dous mariñeiros da gamela Alba, de Laxe, en 2015 e a outras dúas da planeadora Látigo, no 2016, nas Cíes.  Tamén en 2015 falecía outro tripulante nunha lancha nas Sisargas e outro máis un ano despois fronte a Cabo Home, en Cagas, no Rebeca.

Con todo, a catástrofe que máis impacto tivo no litoral galego foi a do 'Prestige', que botou ao mar 63.000 toneladas de cru desde que se accidentou o 13 de novembro de 2002, mentres que as 14.000 toneladas restantes que transportaba permaneceron no tanque do petroleiro, que se afundiu a 260 quilómetros da costa galega, tras partirse pola metade o 19 de novembro. Este accidente provocou o maior desastre medioambiental que sufriu Galicia e tamén a maior mobilización social da historia do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta