Noriega ve positivo que "se poida votar" e estima que sería un erro o abandono do proceso por parte dos críticos

Ademais, o alcalde de Santiago remarca que "os espazos a nivel local teñen importantes responsabilidades e expectativas moito máis elevadas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2018 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago e referente de Compostela Aberta, Martiño Noriega, ve positivo que se fixase nova data para as primarias de En Marea após semanas paralizadas nas que, segundo o rexedor, deuse un "espectáculo pouco edificante". A pesar diso, remarcou que a marea santiaguesa "non vai abdicar" de participar "no espazo galego".

Martiño Noriega E David Bruzos
Martiño Noriega E David Bruzos | Fonte: Europa Press

No entanto, a crise do partido instrumental podería entrar un novo episodio polas ameazas de Podemos Galicia de abandonar as primarias, dúbidas que tamén existen en Esquerda Unida e Anova, todas elas organizacións que integran o sector crítico coa dirección, á que acusan de romper "os mínimos democráticos" no espazo político coa súa actuación das últimas semanas.

Este xoves, no tradicional almorzo cos xornalistas que organiza o goberno santiagués con motivo das festas do Nadal, Martiño Noriega indicou que participará nas votacións, que arrincan este sábado, día do Sorteo de Nadal, e conclúen o vindeiro luns, día de Noiteboa.

"Levo tres semanas dicindo que quero votar, como para agora non votar. Adóitase dicir que se vota con máis ou menos ilusión. Eu vou dicir que vou votar sen apelidos", ironizou o rexedor compostelán, que reclama que o proceso se desenvolva "con garantías".

Noriega tamén se referiu á posibilidade de que Podemos Galicia abandone o proceso de primarias se a coordinadora non fai públicos os resultados das auditorías sobre os supostos accesos irregulares ao censo por parte de tres membros do comité electoral, suspendidos pola Comisión de Garantías e cuxa readmisión pide así mesmo o partido morado.

"Preguntarllo a Podemos e cando terminen, que vos contesten. Non son membro de Podemos", apuntou, para logo lembrar que "ao longo destas semanas" pediu "corresponsabilidade, estar á altura do momento histórico, participación e cooperatividad". "Xa prediquei moito, se non se me fai caso non teño ningunha intención de predicar no deserto", apostilou.

MAREAS LOCAIS

Noriega continúa marcando distancias entre o espazo político a nivel galego e as mareas locais, ás que ve "por encima" tanto a nivel de "expectativas" como de "potencial" electoral. "Non é que marquemos distancias, é que os espazos a nivel local teñen importantes responsabilidades e expectativas moito máis elevadas".

Por iso, cre que existe unha rede de "solidariedade" entre as mareas locais para "axudarse" mutuamente ante a falta de "reforzos". "O éxito foi en 2015 nos concellos e a esperanza tan só queda nos concellos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Alpinista

Non Martiño, por desgraza a esperanza xa non está nos concellos. Pois o fracaso de En Marea, as leas internas, o dirixismo e a colocación de títeres desde Madrid en Podemos e o intento descarado de manipulación do censo por parte de Izquierda Unida, a falta asunción de responsabilidades ante feitos graves, os insultos ao voceiro parlamentar, e a ausencias dos cargos electos na rendición de contas antes a asemblea, contou coa túa complicidade. As agrupacións locais están tocadas e moi resentidas. Entón, ti mesmo, Martiño Noriega, es responsable de liquidar os espazos de cambio nos concellos. E desta vez non vai vir Pablo Iglesias a salvarte...

1 Gamela

pero que non esquezan publicar as contas claras de En Marea !!! https://cabozo.com/taboext.php?grup... E que cada quen se retrate como debe...