Feijóo di que a Xunta non é responsable dos problemas da sanidade porque son "globais"

O presidente galego avanza que mellorarán as condicións dos médicos de familia e pediatras e amosa o seu “otimismo” coa Atención primaria. O colectivo Batas Brancas cúlpao a el ao seus últimos tres conselleiros de Sanidade da “desastrosa situación".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/12/2018 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta insiste en botar balóns fóra no que ten que ver coa sanidade pública galega. Se este mércores botáballe a culpa ao bipartito –un goberno de PSdeG e BNG de hai case dez anos--, este xoves tentou responsabilizar da situación ao Goberno de Pedro Sánchez e suliñou que é un “problema global”, non só de Galicia.

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade
Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade

Así, retomou unha idea que xa expuxo en días atrás e referiuse á situación do sistema sanitario público en toda España para afirmar que a conflitividade en Galicia --con folgas nos servizos de urxencias e do persoal da PAC, entre outros-- forma parte dunha situación global con reflexo "na maioría" de comunidades. De feito, aludiu ás palabras da ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, quen, segundo o titular da Xunta, "admite que hai que incrementar as prazas do MIR" e "que se vai a retomar o acordo de planificación de recursos humanos no sistema nacional de saúde".

"Temos un problema de formación de médicos de familia e pediatras e isto é consecuencia, na miña opinión, dunha falta de planificación da acreditación MIR que o Ministerio de Sanidade implantou nos últimos anos", subliñou.

"OPTIMISTA"

En todo caso, Feijóo mostrouse "optimista" e declarouse "convencido" de que "chegará a mellorar a Atención Primaria" na Comunidade coas propostas expostas esta semana, cos grupos de traballo e despois do diálogo cos profesionais. Ao tempo, reiterou que os responsables de Sanidade, departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, reuniranse tamén con asociacións de pacientes. "Tamén a eles hai que escoitalos", resolveu.

Veciños de Mondariz protestan para esixir a Sanidade un pediatra. PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN
Veciños de Mondariz protestan para esixir a Sanidade un pediatra. PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN

En todo caso, asegurou que os novos contratos comprometidos para dar estabilidade a médicos de familia e pediatras --de un a tres anos unha vez finalizada a súa formación en Galicia-- deben "ter" condicións laborais "similares" aos do resto de facultativos con praza fixa na Atención Primaria, xa sexa que desempeñan o seu labor en centros de saúde ou PAC.

Así o comprometeu este xoves, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal co seu Executivo. "Entendo que esas modalidades contractuais teñen que ser, desde o punto de vista de horarios, retribucións e vacacións, trienios aparte, en condicións similares", reafirmou.

Iso si, puntualizou que a Xunta "está a deseñar" este modelo contractual coa asesoría xurídica e despois terán que presentalo e "concretalo" coas organizacións sindicais e con seis grupos de traballo activados esta mesma semana, no marco do conflito aberto na sanidade, coa dimisión en bloque de máis dunha vintena de xefes de servizo do primeiro nivel asistencial de Vigo como pano de fondo.

CRÍTICAS DOS SANITARIOS

Pero esta nova saída argumental de Feijóo non foi nada ben recibida nos sectores sanitarios. O colectivo 'Batas Brancas' denuncia que o que levou a que o Sistema Sanitario Galego estea sumido nesta grave crise foron as políticas “totalmente equivocadas levadas a cabo polo tres últimas Consellerias de Sanidade da Xunta (Farjas, Mosquera e Almuiña)”. 

Nun comunicado, este colectivo critica que o que está pasando na sanidade pública galega é que se están tomando decisións “totalmente negativas e profundamente afastadas do obxectivo de mellorar a atención dos pacientes porque o paciente deixou de ser o centro do sistema sanitario”. Neste sentido, suliña que a sanidade en Galicia está na “unidade de coidados intensivos”, especialmente a Atención Primaria e os Hospitais comarcais, e, por tanto, require que sexan os propios profesionais sanitarios os que tomen as decisións e “realicen as actuacións que só a eles competen e que non dependen de ninguén máis”.

Por iso, reclama a derrogación do Decreto de creación das estruturas de xestión integrada das

áreas de saúde (EOXI) así como das modificacións que fixeron na Lei de Saúde de 2008 e que entrou en vigor no principio do ano.  Tamén pide cambios na normativa sobre provisión de postos directivos e de xefaturas de servizo e sección dos centros do Sergas, que aposten pola profesionalización da xestión (en lugar da politización actual) e garantan que a elección dos

responsables dos servizos se faga “con criterios de igualdade, mérito e capacidade” e non pola afinidade ou sintonía cos xestores do centro e políticos gobernantes.

Batas Brancas tamén reclama unha oolítica de recursos humanos en todos os seus aspectos, uns orzamentos acorde ás necesidades reais de persoal e de recursos, a concienciación plena de que a atención primaria é un “piar fundamental” do sistema sanitario ou simplificar e adelgazar as estruturas directivas e de xestión. Tamén pide a reversión de privatizacións e asistencias prestadas por medios alleos e redimensionar os persoais eliminando burocracia nos actos asistenciais, redeseñando as xornadas laborais ou realizando “estudos serios” de cargas de traballo e redistribución de recursos e efectivos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta