Temas: FRASEOLOXíA

“Facerlle xeito unha cousa a alguén”, equivalente a “Virlle ben unha cousa a alguén”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 23/12/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dicirmos (ou para preguntarmos neste sentido) se algo se nos cadra ben, isto é, se algo se nos adecúa ou se nos axeita, adoitamos usar a expresión virlle ben a alguén algunha cousa. Pero en galego temos unha secuencia lingüística moi nosa que dá conta nos máis dos contextos desa mesma significación: facerlle xeito algo a alguén.

O sorriso do apóstolo Daniel no Pórtico da Gloria
O sorriso do apóstolo Daniel no Pórtico da Gloria | Fonte: Fundación Barrié

Venirle bien a alguien alguna cosa

{= Cadrarlle ben, adecuárselle ou axeitárselle de tal xeito que, como mínimo, non lle provoque ningún contratempo, ou que mesmo lle resulte útil ou oportuna.}

Facerlle xeito

Virlle a xeito # ó xeito

Virlle ben

Cadrarlle a xeito # ó xeito

Cadrarlle ben

Ex.: Si a usted le viene bien, nos pasamos por ahí el sábado.

Se a vostede lle fai xeito lle vén a xeito lle vén ben lle cadra ó xeito lle cadra ben, pasamos por aí o sábado.

Ex.: Dice que ahora no le viene bien ponerse al teléfono y que la llama después.

Di que agora non lle fai xeito non lle vén a xeito non lle vén ben non lle cadra a xeito non lle cadra ben pórse ó teléfono e que lle chama despois.

Ex.: Cuando estés un poco más libre y te venga bien, ¿me pones un cortado, por favor?

Cando esteas un pouco máis folgado e che faga xeito e che veña ó xeito e che veña ben e che cadre ó xeito e che cadre ben, ¿posme un cortado, se fas favor?

Ex.: Hoy no voy a poder ir, que no me viene nada bien.

Hoxe non vou poder ir, que non me fai xeito ningún que non me vén nada a xeito que non me vén nada ben que non me cadra nada ó xeito que non me cadra nada ben.

Ex.: Ese minicajón de la parte de abajo de la cómoda me viene muy bien para guardar las joyas.

Esa minigabeta da parte de abaixo da cómoda faime moito xeito vénme moito a xeito vénme moi ben cádrame moito ó xeito cádrame moi ben para gardar as xoias.

NOTAS:

1. A secuencia “non facer xeito” tamén se emprega en moitos contextos como sinónima de “non ser plan”:

No ser plan alguna cosa

{= Non se considerar axeitada ou conveniente.}

Non ser plan unha cousa

[Tamén, en moitos contextos]:

Non facer xeito unha cousa

Ex.: Después de aceptar llevar a las otros dos en mi coche, no era plan [no me pareció plan] decirle a su primo que no.

Despois de aceptar levar os outras dous no coche, non era plan non facía xeito [non me fixo xeito] dicirlle a seu curmán que non.

Ex.: Parad ya, coño, que estamos de buen rollo y no es plan liarnos aquí a hostias.

Parade xa, cona, que estamos de boa onda e non é plan non fai xeito learnos aquí a hostias.

Ademais, a locución verbal facer xeito tamén se emprega noutros contextos e con outras significacións, como por exemplo para dar conta de que algo resulta cómodo e/ou agradable de facer.

Ex.: Non sei se así de xeonllos, e con tan pouco espazo como hai, che fará xeito che dará xeito encanar o tubo novo co que sae do vertedoiro.

Ex.: Este abrigo non me fai ningún xeito non me dá ningún xeito aquí nas mangas, que me aperta moito, así que vou volver á tenda para cambialo.

Ex.: Inda que pareza mentira, el di que lle fai máis xeito que lle dá máis xeito guiar este coche pequeniño e sen marchas có Mercedes.

Ex.: Asegúroche que non me fai xeito ningún reprenderche na clase diante de todos os teus compañeiros, pero como sigas así, vouno ter que facer.

2. Obviamente, no segundo dos exemplos tamén poderiamos dicir “que a chama despois”... e de feito, de sermos estritamente escrupulosos co que a día de hoxe nos indica o DRAG, sería a única opción posible.

Non obstante, e visto que chamar (na acepción de “facer unha chamada telefónica”) ou chamar por teléfono tamén se usa na fala galega como intransitivo, posto que rexe o pronome dativo “lle” ou “lles”, e que este uso non se pode explicar nin por coincidencia coas zonas cheístas –pois excede o límite do fenómeno dialectal do cheísmo– nin por influencia do leísmo castelán –como o demostra o feito de que o pronome lle/s tamén abrangue referentes femininos–, entendemos que, alén de formar parte do noso sistema lingüístico, tamén se debería incluír como parte integrante da norma.

3. Naqueles casos en que algo lle resulta a alguén moi oportuno, estas expresións (probablemente en menor medida, e mesmo en contextos máis reducidos, a de “facer xeito”) poden chegar a compartir espazos de uso coas correspondentes a “venir como anillo al dedo”, que abordaremos no seu momento. Ex.:

Con todas las bajas que tenía, la suspensión del partido le vino como anillo al dedo.

Con todas as baixas que tiña, a suspensión do partido veulle moito ó xeito cadroulle moito ó xeito fíxolle moito xeito veulle coma o mel ás papas veulle coma o pez á bota veulle coma anel ó dedo etc.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Martíns Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta