Sen resultados na procura do tripulante desaparecido no naufraxio preto de Fisterra

O afundimento do 'Sin Querer 2' deixou tres mortos e un desaparecido, Guillermo Casais. Os labores de busca estanse complicando debido á baixa visibilidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Continúa sen resultado a procura de Guillermo Casais, o tripulante do 'Sin Querer Dos' que permanece desaparecido desde o afundimento do pesqueiro a 4,5 millas ao sur de Fisterra (A Coruña) na tarde do pasado mércores.

O barco 'Sin Querer 2'
O barco 'Sin Querer 2' | Fonte: marinetraffic.com.

Segundo informan a Europa Press fontes de Salvamento Marítimo, o buque 'Don Inda' sumouse aos efectivos por terra minutos antes das 11,00 horas deste venres, pero a visibilidade segue sendo baixa, debido ao mal tempo.

O rastrexo céntrase pola zona da enseada de Corcubión e Salvamento Marítimo descarta por agora a utilización de medios aéreos, precisamente pola borrasca que azouta ao litoral galego. Por terra, o dispositivo de busca conta nunha xornada máis con efectivos de Protección Civil de Fisterra e Carnota.

No naufraxio deste pesqueiro faleceron tres tripulantes e outros seis lograron ser rescatados con vida. Poucas horas despois deste accidente produciuse outra traxedia tamén na costa coruñesa, neste caso no propio porto de Malpica, onde o envorco de 'A Silvosa' saldouse coa morte do patrón, José Ángel Sanjurjo.

Nas últimas horas, o buque 'Salvamar Betelgeuse' remolcou ao peirao de Oza, na Coruña, ao pesqueiro 'Frisan', que quedou á deriva fronte ao monte de San Pedro debido a unha avaría no motor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta