As verteduras contaminantes da mina de Touro, o patrocinio co que contará a SD Compostela

Novas imaxes mostran como o río Brandelos segue sendo contaminado pola balsa de Bama. As asociacións contra a mina de Touro - O Pino e algúns seareiros non comprenden que a Sociedade Deportiva Compostela vaia ser patrocinada pola mineira Cobre San Rafael.

Por Galicia Confidencial | Touro | 23/12/2018 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

As asociacións Aldea Viva e Plataforma Mina Touro - O Pino NON volven denunciar as verteduras contaminantes aos afluentes do río Ulla, logo de saberse que a SD Compostela será patrocinada pola empresa mineira.

Balsa mineira de Bama
Balsa mineira de Bama | Fonte: Aldea Viva

Os activistas mostran agora con novos vídeos que a balsa de Bama segue bailerando auga contaminada ao río Brandelos. "Esta é a verdadeira responsabilidade social e ambiental da empresa", crtitican, mostrando novas imaxes, tras denunciar a pasada semana estas verteduras.

Esta situación reitérase malia as continuas denuncias presentadas durante este ano polas asociacións civís. De pouco serviron tamén as denuncias interpostas por Augas de Galicia á concesionaria Explotaciones Gallegas, nin as multas por valor de 30.000 e 20.000 euros á empresa, que se coñeceron no mes de setembro, relacionadas cos desbordamentos producidos en febreiro deste ano.

"Nin a empresa nin a Administración tomaron ningún tipo de medida que evite ou minimice novas verteduras de lixiviados contaminantes desde a antiga mina de Touro", expuxeron dende a Plataforma.

Os activistas critican que, no entanto, TEN SL, a empresa encargada da suposta rexeneración dos terreos mineiros, non deixe de gañar premios en certames "nos que participan como membros do xurado, curiosamente, organismos da Xunta". 

A SD COMPOSTELA, PATROCINADA POLA MINEIRA

"Hai unha semana, xunto con Aldea Viva, denunciabamos, unha vez máis, o desbordamento da balsa de Bama. A empresa causante destas verteduras asinou, namentres, un acordo de responsabilidade social coa SD Compostela. Alguén o entende?", critican desde a Plataforma Mina Touro - O Pino NON.

A Sociedade Deportiva Compostela e Cobre San Rafael asinaron a pasada semana un polémico convenio de colaboración nas instalacións do club, no Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro. O acordo facilita a posta en marcha de "novos proxectos para o fútbol base, que tentará ser referencia na comarca e en toda Galicia, tratando de imprimir nos máis novos uns principios e valores máis aló do afán competitivo", informou o club.

Eses proxectos irán máis aló de Santiago e consistirán en diferentes actuacións, como a organización de campus en varios concellos e a creación dun centro de tecnificación.

Neste sentido, "o compromiso social da Sociedade Deportiva Compostela non pasou desapercibido para Cobre San Rafael, que atopa no club un compañeiro de viaxe ideal á hora de establecer a súa estratexia de responsabilidade", defenden desde a entidade deportiva.

"Desde hai moitos anos, o Compos vén colaborando con múltiples entidades de carácter benéfico e social, establecendo vínculos co tecido asociativo da comarca e facendo posible a posta en marcha de diferentes proxectos. Nesta liña, a colaboración de ambas as entidades xa comezou a dar os seus froitos, posibilitando os primeiros contactos da empresa con institucións sociais de moito arraigamento en Santiago e en toda Galicia", argúen.

O acordo prolongarase ata finais da presente tempada e será prorrogable á seguinte. A SD Compostela mostrou a súa "satisfacción e desexo de que esta unión sexa o máis longa posible e que axude a reafirmar ao club na súa aposta polo talento de Santiago e a súa comarca".

O club non dubida en defender o polémico proxecto mineiro, que cualifica como unha "industria sustentable, responsable ambiental e socialmente para multiplicar o seu efecto positivo, buscando oportunidades de beneficio para a cidadanía".

As críticas ao club non cesaron desde que se deu a coñecer o acordo: "Que ten máis valor, que Santiago siga sendo Patrimonio da Humanidade ou uns miles de euros de patrocinio por parte da empresa que nos ameaza?", "Cobre San Rafael está xogando a lavar a cara, non ten licencia social para abrir a mina e sabeo. Xa Sito Miñanco co Cambados e a camorra italiana usaron esas estratexias: tratar de infiltrarse na sociedade, comprar vontades, que lles deban favores... Dan noxo", ou "A mina só trae morte. Para mostra o meu amor e respecto polo Compos, mortos", son só algunhas das críticas que recibiu a entidade deportiva nas redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 ars

[Os activistas critican que, no entanto, TEN SL, a empresa encargada da suposta rexeneración dos terreos mineiros, non deixe de gañar premios en certames "nos que participan como membros do xurado, curiosamente, organismos da Xunta". ] ¿Nos papers e na literatura científica xerada na rexeneración de Touro tamén participan os avaliadores da Xunta?

1 lóstrego

O mesmo fai ENCE co Pontevedra CF. É moi de colonia a compra de vontades.