Detidas tres persoas acusadas de secuestrar a un mozo en Sanxenxo

Todos eles e o cuarto presunto autor dos feitos, que xa estaba en prisión, foron apresados en novembro por roubar en obras da provincia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2018 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo esta semana a tres individuos polo secuestro dun mozo de Sanxenxo (Pontevedra) ocorrido no verán de 2017 na zona da Lanzada. O cuarto dos presuntos autores do ilícito, un veciño de Vigo, xa permanecía en prisión por mor dunha operación de roubo de materiais a empresas de transporte na provincia pola que os catro xa foran apresados en novembro de 2018.

[Grupovigo] Nota De Prensa Opc Comandancia Pontevedra
[Grupovigo] Nota De Prensa Opc Comandancia Pontevedra | Fonte: Europa Press

Segundo informa a Benemérita, os detidos son dous veciños do Grove e outro de Sanxenxo, que foron postos en liberdade con cargos polo Xulgado de Instrución Número 2 de Cambados.

Os feitos ocorreron nunha noite do verán de 2017, cando un mozo se atopaba facendo deporte na zona da Lanzada e foi abordado por uns encapuchados no momento en que regresaba ao aparcadoiro a recoller o seu vehículo.

Tal e como relatou a vítima no posto da Garda Civil en Sanxenxo, golpeárono na cabeza cunha arma curta e retivérono no interior do coche coas indicacións de que non levantase a cabeza e lles entregase a carteira e o móbil.

Así, en principio fóronlle subtraídos 240 euros e a tarxeta de crédito coa que retiraron diñeiro en efectivo en varios caixeiros automáticos do municipio, para o que antes o intimidaron e golpearon ata que lles facilitou o PIN.

Seguidamente, como as cantidades non satisfixeran as aspiracións dos secuestradores, obrigaron a vítima a chamar aos seus familiares máis próximos para esixir a entrega de 4.000 euros en efectivo, que debían ser entregados nun local público de Sanxenxo.

Unha vez se cumpriron as condicións, foi abandonado no mesmo lugar sen o seu teléfono móbil e baixo a ameaza de que non denunciase os feitos porque, de facelo, volverían a por el.

TRAS A OPERACIÓN 'CALDOX'

Así as cousas, as investigacións destes feitos reactiváronse cando en novembro de 2018 a Garda Civil desarticulaou un grupo criminal dedicado a roubar gasóleo en obras e empresas de transporte na provincia de Pontevedra, a denominada operación 'Caldox'.

No transcurso deste operativo, tívose coñecemento de que os catro autores materiais dos roubos estiveran planificando un secuestro no Porriño co mesmo modus operandi ao que se produciu na Lanzada no verán de 2017.

Por mor diso, a Policía Xudicial de Pontevedra abriu unha nova liña de investigación do secuestro en Sanxenxo, que concluíu coa identificación dos catro supostos autores. Un deles, veciño de Vigo, xa estaba en prisión pola operación 'Caldox', mentres que os outros foron detidos esta semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta