Os contidos máis vistos en Galicia Confidencial en 2018

Repasamos os dez artigos máis vistos este ano.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/12/2018 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Galicia Confidencial pecha 2018 consolidado como o principal xornal de referencia en galego, tanto por audiencia no seu sitio web como por número de seguidores en redes sociais. GC segue medrando como o único medio independente de partidos políticos e grupos de presión e afírmase como a alternativa máis sólida contra o poder partidista que exercen La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Un dos lemas de Galicia Confidencial
Un dos lemas de Galicia Confidencial

Os contidos máis vistos no GC durante 2018 foron de temática moi variada, predominando os ecoloxistas, científicos, sociais e culturais.

A continuación mostramos os dez traballos xornalísticos publicados por GC en 2018 que máis lecturas sumaron, por orde de visitas.

1. JESÚS CALLEJA E OS INCENDIOS EN GALICIA

'Axentes medioambientais e forestais acusan a Jesús Calleja de "manipular" a traxedia dos incendios en Galicia'. Este artigo foi publicado o 15 de outubro de 2018 e foi o máis visto do ano en GC.

Nel, recollimos a avalancha de críticas contra o presentador do programa de Cuatro 'Volando Voy' por "silenciar" a axentes e bombeiros forestais e o labor do 085, e por "distorsionar a realidade" e "mentir" sobre o que aconteceu na terrible vaga de incendios en Galicia en outubro de 2017.

Pouco despois, Calleja recoñeceu o seu erro.

2. INCENDIOS EN PARQUES NATURAIS

A segunda información máis vista do ano en GC foi esta titulada 'Dous dos grandes parques naturais de Galicia están ardendo', publicada o 17 de setembro. A nova contaba como os parques naturais do Xurés e o do Invernadoiro levan tres días sendo castigados polo fume.+

3. A MORTE DE ERNESTO CHAO

'Morre Ernesto Chao, un dos grandes actores galegos dos últimos tempos'. Así foi como o 6 de agosto informou GC do pasamento dun dos máis aclamados actores de Galicia.

Nado en Riadavia en 1943, Chao fíxose archicoñecido polo seu papel como Miro Pereira, que interpretou durante máis dunha década na comedia da TVG 'Pratos combinados'.

4. O GALEGO SOOU EN 'OPERACIÓN TRIUNFO'

O concurso da cantante galega Sabela en 'Operación Triunfo' revolucionou as redes sociais pola súa aposta por cantar en galego, algo inusual nun concurso estatal. "Sabela, en 'Operación Triunfo', fai máis polo galeguismo que moitos galegos que se avergonzan de falar o noso idioma", titulou GC o 13 de decembro.

5. OS PROBLEMAS DE ENDESA COA LINGUA GALEGA

O 23 de outubro, GC informaba de que a empresa Endesa se negara a atender a un cliente en lingua galega por descoñecemento deste idioma, máis non acontecía o mesmo cos usuarios que utilizan o catalán e o inglés. Co título 'Endesa négase a atender a un cliente en galego, pero si responde en catalán ou inglés', GC mostrou dúas capturas de pantalla nas que se evidenciaba o agravio comparativo.

6. O MAPA DA INVASIÓN DA AVESPA VELUTINA

A invasión da avesa velutina foi un dos temas máis seguidos en GC durante 2018. O 2 de outubro publicamos unha reportaxe en profundidade titulada 'Mapa da invasión da avespa velutina en Galicia e factores que favorecen a súa "inevitable expansión"'.

A reportaxe baséase nun traballo de científicas da Universidade de Vigo que supuxo o primeiro estudo que correlaciona as condicións climáticas e a altitude coa distribución da invasora avespa asiática. As investigadoras presentaron, ademais, os mapas para visualizar a rápida expansión da velutina polo territorio galego, onde se mostra que a Galicia costeira e occidental está totalmente colonizada e o depredador avanza cara ao interior de xeito imparable, colonizando case todo o territorio.

7. FARTOS DA PEAXE EN RANDE

O 1 de decembro, a peaxe de Rande da AP-9 rexistraba longas retencións debido á protesta convocada por asociacións veciñais de Teis e Chapela (Vigo), que acudiron nos seus vehículos para colapsar o tramo pagando a taxa (0,90 euros) con moedas de céntimo. GC titulaba: 'Os veciños colapsan a peaxe de Rande pagando con moedas dun céntimo de euro'.

8. A TRAXEDIA EN PARAMOS

O 27 de maio publicamos: 'A enemistade entre o propietario da pirotecnia e un veciño, o inicio da traxedia de Tui'. Neste artigo contamos como a explosión do material pirotécnico que se almacenaba nunha casa na parroquia de Paramos, en Tui, foi un cúmulo de neglixencias provocadas non só polo propietario de La Gallega, senón por varias administracións. Pero detrás de todo o acontecido había, ademais, a inimizade dun veciño.

9. UNHA ALDEA INCOMUNICADA POR UNHA DECISIÓN POLÍTICA

"San Vicente de Leira está incomunicado! Impotencia e indignación sentimos". Así denunciaba unha cidadá a situación de total bloqueo que estaban a padecer os veciños dun núcleo de Vilamartín de Valdeorras, que viñan demandando solucións ante o mal estado no que se atopaba a estrada de acceso. A Deputación de Ourense decidira, sen aviso, cortar o acceso cun valo no medio da estrada. A indignación dos veciños foi máxima. GC informou disto o 10 de marzo, no artigo 'A Deputación de Ourense deixa incomunicados os veciños de San Vicente de Leira'.

10. POLÉMICA: PIDEN RETIRAR TRATAMENTOS A ENFERMOS TERMINAIS

O 30 de novembro, GC publicou: 'Experta chamada polo PP avoga por non dar tratamentos a algúns pacientes con cancro e hepatite C para aforrar cartos'. A información referíase ás polémicas declaracións feitas na comisión de investigación da sanidade galega por Beatriz González López-Valcárcel, especialista en Economía da Saúde, elixida polo PP para declarar como experta.

González López-Valcárcel defendeu na comisión que se pode aforrar medio millón de euros retirando tratamentos oncolóxicos a enfermos terminais. Tamén propuxo non administrar antivirais directos a enfermos de hepatite C en fase F0 e F1, o cal vai contra as directrices da Alianza para la Eliminación de las Hepatitis Víricas en España. O PPdeG apoiou os argumentos da súa comparecente e afirmou que "os recortes non matan".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gostaríame saber que motivos pode ter La Voz de Galicia para implantar o seu "muro de pago" cando iso baixará os seus índices de seguimento dixital, e polo tanto perderán os ingresos vía publicidade dixital e supoño que outros moitos ingresos que non serán compensados polo seu muro de pago ? https://www.abc.es/sociedad/abci-ab... ABC con 22 millóns de usuarios únicos debera ser unha guía para apostar polo dixital en aberto... ¿ou non é así?