Falece un motorista de 34 anos e resulta ferida a moza que o acompañaba nunha colisión na AP-9 en Vigo

A moto na que viaxaban chocou contra un turismo que circulaba no mesmo sentido. O condutor do turismo resultou ileso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2018 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

Un motorista de 34 anos faleceu e a moza que o acompañaba resultou ferida nunha colisión ocorrida na Autoestrada do Atlántico (AP-9) á altura de Vigo na tarde deste domingo, segundo informa o servizo de emerxencias do 112 Galicia.

Lugar no que se produciu o accidente na AP-9. GUARDIA CIVIL DE PONTEVEDRA
Lugar no que se produciu o accidente na AP-9. GUARDIA CIVIL DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

No sinistro, sucedido no punto quilométrico 156, á altura da saída en dirección a Baiona, a moto na que viaxaban chocou contra un turismo que circulaba no mesmo sentido pola AP-9. O condutor do turismo resultou ileso.

Segundo indicou a Garda Civil de Tráfico, o piloto da motocicleta falecido, JM.S.G. de 34 anos, era veciño de Ames (A Coruña).

Como consecuencia do sinistro, producíronse retencións na circulación e mantívose cortado un carril até aproximadamente as sete da tarde.

O 112 tivo constancia do accidente a través da chamada dun particular, preto das 17,00 horas, na que alertaba que se producira un sinistro e que dúas persoas feridas estaban tendidas na vía.

Para socorrer ás vítimas, desde o 112 deuse aviso aos profesionais das 061-Urxencias Sanitarias, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Vigo, aínda que os dous feridos estaban liberados e accesibles.

A nova ferida foi evacuada nunha UVI móbil ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta