Aprobados os orzamentos de Vigo para 2019 só cos votos a favor do grupo de goberno

As contas da cidade para o próximo exercicio ascenden a 257,5 millóns de euros

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/12/2018 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

O Concello de Vigo aprobou este mércores de maneira definitiva os Orzamentos da cidade para o ano 2019. A votación saldouse con 18 votos a favor do grupo municipal socialista e con oito votos en contra dos grupos de PP e Marea de Vigo.

Abel Caballero
Abel Caballero | Fonte: Europa Press.

Os Orzamentos son exactamente os mesmos que se trouxeron ao pleno para a súa aprobación inicial, pois o equipo de Abel Caballero non atendeu ás alegacións do PP nin de Marea de Vigo, nin tampouco ás de sindicatos, colectivos sociais e cidadáns que tamén presentaron as súas despois de que o texto fose publicado no boletín da provincia.

As contas de Vigo para 2019 ascenden a 257,5 millóns de euros e, segundo afirmou o concelleiro do Facenda, Jaime Aneiros, trátase dun "garante dos servizos públicos para a cidadanía". Aneiros asegurou que "desde 2007 a 2019" Vigo experimentará un aumento do "280 por cento" no relativo a políticas sociais e sostivo que se trata duns "Orzamentos para facer máis Vigo e un mellor Vigo".

O portavoz do grupo municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, criticou que non se tiveron en conta as alegacións presentadas. "Queremos saber por que se pasou o rodete e por que se desestimaron todas", afirmou. Pérez explicou que "o capítulo un" dos Orzamentos non se negociou "con ninguén" e que se "amortizan" prazas públicas como as do profesor de lutería antiga da EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios) ou a dun dos psicólogos de CEDRO.

Pola súa banda, a portavoz do grupo do Partido Popular, Elena Muñoz, tamén lamentou que non se tivesen en conta as alegacións e fixo fincapé na situación da EMAO. "Que vai pasar coa EMAO? Vaina a liquidar como fixo co MARCO? Por que lle molesta tanto a cultura?", interpelou Muñoz a Caballero.

Finalmente, o concelleiro de Facenda aseverou que estes Orzamentos son "o resultado de escoitar á cidadanía os 365 días do ano".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta