O ano dos zunados patrios

“Somos como un caballo sin memoria, / somos como un caballo / que, no se acuerda ya / de la última valla que ha saltado.” (El Salto, Nueva Antología Rota, León Felipe).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 26/12/2018

Comparte esta noticia

O ano que está a piques de tocar a chanca podería ser recordado como «o ano do tridente», porque nos confirmou que non hai dous sen tres. Ou «o ano do tricorne», porque as tres línguas aguzadas do tridente nos trouxeron á memoria aquel gorro negro de tres puntas, símbolo de 40 anos de negrura. Pero, 2018 seguramente será lembrado como «o ano do triángulo obtuso», porque a tríade da dereita española foi capaz de recuperar a súa esencia, de reunificar as teses tridentinas, de índole política. Iso é, o ano da renacenza do “uno y trino”: tres zunados aparentemente distintos, Casado, Rivera e Abascal, e un único pai verdadeiro, Aznar.

Felipe V
Felipe V

Así que, quen non estea libre de quintas que se vaia preparando para incorporarse a filas. Cando tomen o poder estes tres cazurros, emprenderán de novo a batalla de Covadonga, remontándonos nun santiamén ao ano 722. Pero, nesta ocasión, a proeza de don Paio non arrincará en Asturias. Non. Comezará xustiño –quen nolo ía dicir!– acolá onde os Reis Católicos remataron a heroicidade da Reconquista. Porque os centralistas actuais, os autodenominados bloque constitucional, cristiáns de entón, Susana Díaz incluída, descubriron que os andalusís de agora atópanse no Nordés peninsular.

Nin TC, nin monarca, nin rabos de gaitas. Cando manden no Al-Ándalus eses paladíns da unidade patria, será o principio do fin dos actos de traizón a España, de Pedro Sánchez e Quim Torra. Catalunya será novamente constitucional –e española, por suposto– e nunca máis ninguén se atreverá a romper a soberanía nacional.

O adiantado desta moderna contrarreforma, de inspiración aznariana, é Pablo Casado, ese amigo de Feijoo, disposto a entrar en Catalunya a cabalo dunha besta vermella e amarela, adiantando pola dereita ao buldócer Abascal, malia esa fronteira tan estreita que separa o Vox de Abascal do muro de contención de C´s de Rivera.

Ah! O que lle fai doer os cadrís ao meu tío Lisardo é ter que deitarse cada noite sen ver a ninguén do partido da gaivota, fuxindo dese vendaval autoritario que lle inxectan ao partido os xerifaltes actuais, mentres locen no peto un master en retroceso social, outro en recentralización territorial e varios en chulería preconstitucional. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.