A pensión media en Galicia sobe ata os 814'09 euros, a segunda máis baixa do Estado

No mes de decembro rexistrouse un aumento do 3'9% respecto do mesmo período no 2017. O número de pensións ascende un 0'4%, ata chegar as 764.935, o que supón un 28'2% da poboación da Comunidade

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/12/2018 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

As pensións galegas situáronse a día 1 de decembro nunha media de 814'09 euros, o que supón un crecemento do 3'9% en relación co mesmo mes de 2017. Aínda así, esta cantidade segue sendo a segunda máis baixa das Comunidades Autónomas, tan só por enriba de Estremadura (798'41).

Xubilados galegos na Alameda de Santiago, pensionistas. Europa Press - Archivo
Xubilados galegos na Alameda de Santiago, pensionistas. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Ademais, o número de pensións en Galicia ascendeu un 0'4% nun ano, ata chegar ás 764.935 (un 28'2% da poboación), segundo datos que deu a coñecer este xoves o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) do Ministerio de Traballo.

Por provincias, A Coruña (856'94 euros) e Pontevedra (855'21) son as que manteñen as pensións máis altas; seguidas de Lugo, cunha media de 723'46 euros; e Ourense, con 702'93.

As pensións por xubilación seguen sendo as máis numerosas en Galicia, cun total de 477.446 cunha media de 926'46 euros. As cifras son bastante dispares entre as zonas costeiras e de interior, posto que os pontevedreses perciben unha media de 985'10 euros e os coruñeses 926'46 euros; mentres que os lucenses reciben 813'66 e os ourensáns 769'54.

A segunda modalidade de pensións son as de viuvez, que supoñen en Galicia un total de  187.279, cunha media de 576'14 euros. Séguenas as de incapacitación permanente -70.109 e 857'35 euros-; orfandade -23.589 e 387'66 euros-; e a favor de familiares -6.512 e 497'81 euros-.

DATOS ESTATAIS

No conxunto de España, a Seguridade Social destinou neste mes a cifra récord de 9.317'9 millóns de euros ao pago das pensións contributivas, un 4'92% máis que no mesmo mes de 2017, segundo datos publicados este luns polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Esta taxa de crecemento é lixeiramente superior á que se rexistrou no catro últimos meses, con alzas do 4'8%.

O gasto global do conxunto de pensións chegou a superar o 8% interanual na antesala da crise (2008). Desde hai uns anos, o gasto viña medrando a un ritmo próximo ou superior ao 3%. Hai que remontarse aos anos 2013, 2012 e 2011 para atopar unha taxa interanual de gasto en pensións superior ao 4%.

Os Orzamentos, que entraron en vigor en xullo, contemplaban un aumento do 3% para as pensións mínimas, do 1'6% para o resto de pensións e a ampliación da base reguladora das pensións de viuvez para quen non perciban outra pensión pública do 52% ao 56%.

A maior parte dos 9.317,9 millóns de euros destinados a pagar a nómina das pensións en decembro foi parar ás pensións de xubilación, con 6.639 millóns de euros (+5,3%), seguidas das pensións de viuvez, ás que se dedicaron 1.610 millóns de euros (+4,8%).

Desde o pasado 1 de agosto, algunhas pensións de viuvez, arredor de medio millón, as máis baixas, aumentaron a súa contía como consecuencia da subida da base reguladora do 52% ao 56%.

Ao pago das pensións de incapacidade permanente destináronse 911 millóns de euros (+2,1%), as de orfandade supuxeron 133 millóns de euros (+3%) e as pensións en favor de familiares totalizaron 23,6 millóns de euros (+6,3%).

MÁIS DE 9,69 MILLÓNS DE PENSIONISTAS

O número de pensións avanzou en decembro un 1'19% respecto ao mesmo mes de 2017, ata as 9.696.272 pensións, novo récord do sistema.

Aínda que a taxa de crecemento interanual do número de pensións non é das máis altas dentro na serie histórica da última década, con ela xa se acumulan 35 meses consecutivos de crecementos superiores ao 1%.

Do total de pensións, máis da metade, 5.994.755, foron de xubilación, cun repunte do 1'88% respecto de decembro de 2017, mentres que 2.365.497 eran pensións de viuvez (0,0%), 955.269 de incapacidade permanente (+0'3%), 338.470 de orfandade (-0'17%), e 42.281 a favor de familiares (+2,5%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta