O PSdG denuncia que a CRTVG leva a cabo unha "política represiva" ante as protestas laborais

A socialista Noela Blanco levou ao Parlamento o expediente aberto a un traballador da CRTVG por locutar un programa elaborado por unha produtora e emitido polo ente público.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/12/2018 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

A voceira do grupo socialista na Comisión da CRTVG do Parlamento, Noela Blanco, denunciou este xoves 27 a "política represiva" por parte do ente público contra os traballadores implicados nas reivindicacións laborais. Concretamente, referiuse ao expediente aberto contra o presentador Carlos Jiménez logo de ter locutado un programa elaborado por unha produtora, e que foi adquirido e emitido pola propia TVG.

Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais
Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais | Fonte: @DefendeAGalega

A responsable socialista comparou esta situación coa da tamén presentadora Tati Moyano, que tivo que facer fronte a un expediente -finalmente arquivado- por empregar as instalacións da CRTVG para peitearse antes de participar nunha gala benéfica na que se significou ante a  situación laboral da compañía.

Así, Blanco apoiou as reivindicacións dos traballadores que reclaman o peche do expediente contra Jiménez e a reparación do dano a Moyano, ademais de clarexar o réxime de incompatibilidades da CRTVG.

Deste xeito, Blanco acusou ao director xeral da compañía de “abrir xuízos mediáticos e políticos contra profesionais dos medios de comunicación, deturpando a Lei de Medios de 2011”, e lembrou que é o propio presidente da Xunta quen deriva responsabilidades políticas no seu cargo negándose a dar conta da situación do ente e a responder ás denuncias de manipulación. A fío disto, denunciou que á fronte da CRTVG haxa unha persoa "actuando de maneira irresponsable por responder ás ordes de Feijóo e permitir a instrumentalización do ente”.

No seu balance tamén fixo mención aos seis meses de mobilizacións e aos 32 “venres negros” de protesta dos traballadores pola manipulación política dos informativos, así como aos paros parciais de novembro e ás dúas folgas de 24 horas os días 19 e o 22 deste mes.

Ademais, Noela Blanco lamentou que o ente teña desbotado a posibilidade de normalizar a situación laboral “logo da flexibilización dos posicionamentos do Comité de Empresa” para chegar a un acordo e evitar as folgas de 24 horas, algo ao que “responderon con intransixenxia”, ao seu ver.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta