Santalices volverá ser delegado rexio no acto de Translación dos restos do Apóstolo

O presidente do Parlamento de Galicia xa exercera esta función o ano pasado, por designacióndo Rei Felipe VI. A cerimonia celebrarase este domingo 30 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/12/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, exercerá de novo como delegado rexio na cerimonia de Ofrenda de Translación dos restos do Apóstolo, designado polo rei Felipe VI. O acto celebrarase, como é tradicional, este domingo, día 30 de decembro.

Miguel Santalices. EP
Miguel Santalices. EP | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA - Archivo

Santalices repite así representación, dado que xa exerceu como delegado da súa Maxestade o pasado ano nesta mesma cerimonia que conmemora o traslado dos restos do Apóstolo desde o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no porto de Iria Flavia (Padrón). Ademais, o presidente da Cámara galega tamén foi este mesmo ano delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo.

A tradición conta que a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva  apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre. A Raíña Lupa quedou asombrada por este feito e ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puidesen enterrar os restos do Apóstolo, trasladados por un carro tirado por bois que buscaron ao chou o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo.

Segundo a lenda, tras deterse na fonte da actual Rúa do Franco, os bois continuaron o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que, desde entón, se denomina  Libredón, alí onde o Apóstolo foi enterrado e relegado ao esquecemento ata o seu posterior descubrimento no 813. Foi o Rei Alfonso VI quen realizou, en 1109, a primeira ofrenda de Translación ao entregar unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642 esta cerimonia institucionalizouse con carácter definitivo e, desde entón, o rei de España ou un delegado rexio leva a cabo a ofrenda.

OUTROS DELEGADOS REXIOS

Con anterioridade a Miguel Santalices foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen protagonizou a ofrenda en ano 2016 (ademais de noutras ocasións), xusto despois de ser reelixido no cargo por terceira vez consecutiva.O ano anterior, en 2015, fora Pilar Rojo, a anterior presidenta do Parlamento de Galicia, quen tivera esta función.

Na lista de delegados rexios na ofrenda da Translación atópanse varios alcaldes da cidade, como é o caso do popular Agustín Hernández (2014) e os seus antecesores no cargo durante esa mesma lexislatura: Anxo Currás (2013) e Gerardo Conde Roia (2011). En 2012 tamén o foi Pilar Rojo.

En 2009 e 2010 foi delegado rexio Núñez Feijóo. Antes, fórano a  expresidenta do Parlamento socialista Dolores Villarino (2008), o  exalcalde socialista Xosé Sánchez Bugallo (2007) e o  expresidente da Xunta socialista Emilio Pérez Touriño (2006). En 2005, o Rei nomeou delegado ao xefe da súa Casa, Alberto Aza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta