Temas: FRASEOLOXíA

“Andar a piar por elas”, “pedirllas o corpo” ou “andalas arrendando”, expresións equivalentes a “andalas buscando”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 30/12/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas situacións en que alguén está a actuar ou se anda a comportar dun xeito que amola ou molesta, no caso de lle querermos facer a advertencia de que se segue así vai obter unha resposta consistente nalgún tipo de castigo ou represalia, moitas veces dicímoslle que as anda a buscar ou que as está a buscar. Non obstante, en galego dispomos de máis expresións que dan conta dese mesmo significado, como imos ver a seguir:

Unha muller amosa a súa forza
Unha muller amosa a súa forza | Fonte: Revista Moi

Estársela buscando && Estársela ganando && Estársela jugando && Buscársela(s)

{= Actuar alguén dun xeito que amola ou molesta e que probablemente provoque, de seguir a insistir nel, unha resposta consistente nun castigo ou represalia.}

Andar # Estar a piar por elas

Pedirllas o corpo && Andarllas # Estarllas pedindo o corpo

Andalas arrendando

Andar facendo nelas

Andar # Estar a pedir por elas

Armar(lle) ó merlo # o merlo

Armarlle ó pancho

Proerlle o lombo por elas && Andarlle # Estarlle o lombo a proer por elas

Andala(s) # Estala(s) buscando

Ex.: Oye, tío, para de meterte ya con el chiquillo, que te la estás buscando y te voy a dar.

Oe, meu, para xa de te meteres co acheite, que andas a piar por elas que chas anda a pedir o corpo que as andas arrendando que andas facendo nelas que andas a pedir por elas que (lle) andas armando ó/o merlo que che anda o lombo a proer por elas que as andas a buscar e valas levar todas xuntas.

● Tamén:

Pedilas # Buscalas pola man && Andalas # Estalas pedindo pola man && Andalas # Estalas buscando pola man && Andar # Estar tentando o demo && Buscar o cisco para os ollos && Andar # Estar a buscar o cisco para os ollos

Ex.: Oe, meu, para xa de te meteres co acheite, que as andas a pedir pola man que andas tentando o demo que andas a buscar o cisco para os ollos e valas levas todas xuntas.

● Tamén, dependendo dos contextos, e máis ou menos axeitadas en función deles:

Buscar(se) lío(s) # problemas # follón # bulla

Buscar lea(s) # problemas # enredos # cerellada(s) # embrolla(s) # enguedello(s) # enleada(s) # leria(s) # liorta(s) # marfallada(s) # zarangallada(s) # zarapallada(s) # bulla

NOTAS:

1. Lembremos que para as expresións de galego podemos usar indistintamente tanto a secuencia conformada pola preposición a + infinitivo coma o xerundio: andar a piar por elas = andar piando por elas; andar facendo nelas = andar a facer nelas; andalas arrendando = andalas a arrendar; etc.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Acevedo y Huelves, Bernardo & Fernández y Fernández, Marcelino: Vocabulario del bable de occidente, 1932. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cuveiro Piñol, Juan: Diccionario gallego. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Martíns Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Pintos Villar, Juan Manuel: Vocabulario gallego-castellano. Datado ó pé de 1865. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta