O Goberno aproba rebaixar os límites de velocidade e a Xunta lamenta carecer de información detallada

Esta medida provocará que non se poidan superar os 90 km/h nas estradas convencionais. O Executivo de Feijóo afirma estar "preparado" para modificar os 450 sinais das 54 vías autonómicas ás que afecta o cambio

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/12/2018 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobou este venres reducir a velocidade nas estradas convencionais e homoxeneizar a velocidade máxima nestas vías, establecéndoa en 90 km/h, por ter estas altas taxas de sinistralidade, segundo informou o Ministerio do Interior. 

Ethel Vázquez. XUNTA - Archivo
Ethel Vázquez. XUNTA - Archivo | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou que o Goberno galego ve "con bos ollos" as medidas orientadas á redución da sinistralidade nas estradas. Con todo, lamentou carecer de "máis información" sobre o alcance da iniciativa, así como do "detalle" de como proceder.

En calquera caso, o Executivo de Núñez Feijóo, dixo Vázquez en declaracións aos xornalistas, está "preparado" para modificar os 450 sinais das 54 vías autonómicas ás que afectará este cambio normativo, segundo as súas estimacións. "A seguridade viaria desde logo que é unha preocupación prioritaria para o Goberno galego", recalcou a conselleira, antes de reivindicar o destino de "moitos recursos" a este fin.

No entanto, subliñou que "o aconsellable e o esperable era que se trasladase á comunidade autónoma de Galicia máis información sobre o alcance desa medida". E é que, segundo advertiu, "moitas estradas son da Xunta", por iso é polo que, ao seu xuízo, debería "coñecer ao detalle as medidas e o proceder". "Estamos a falar de limitar a velocidade en estradas convencionais, e non son todas iguais, hai singularidades e non sabemos exactamente como proceder", insistiu.

CONSELLO DE MINISTROS

Para estes cambios, o Consello de Ministros aprobou a modificación do artigo 48 do Regulamento Xeral de Circulación referido aos límites de velocidade nas estradas convencionais. A meta é reducir a sinistralidade viaria e cumprir o obxectivo de diminuír a taxa de mortos en accidente de tráfico, situándoa por debaixo dos 37 falecidos por millón de habitantes, tal como establece aestratexia de Seguridade Viaria 2011-2020. En 2017 a taxa foi de 39.

O Ministerio advirte de que sete de cada dez accidentes con vítimas teñen lugar nestas vías, nas que cada ano falece un milleiro de persoas. Ademais, a velocidade inadecuada é a causa concorrente no 20 por cento dos accidentes de tráfico

Esta modificación supón a desaparición dos diferentes límites de velocidade xenéricos establecidos -90 e 100 km/h para turismos e motocicletas, en función de se a vía dispoñía ou non de metro e medio de beiravía practicable- e redúceo a unha limitación xeral de 90 km/h.

O cambio deste límite de velocidade afectará a uns 10.000 quilómetros de vías. Os límites que agora se modifican fixáronse a principio dos anos 80 do século pasado, cando a rede viaria española non tiña case quilómetros de vías de alta capacidade, unha situación completamente distinta á actual. Ademais, esta iniciativa supón reducir a diferenza de velocidade entre vehículos de transporte de viaxeiros e mercadorías respecto dos turismos.

Segundo asegura Interior, os países da Unión Europea con menores taxas de falecidos por millón de habitantes en accidente de tráfico teñen un diferencial de límite de velocidade entre vehículos lixeiros e pesados que oscila entre o 0 e 10 km/h nas estradas convencionais, 

Segundo diferentes estudos, os vehículos que circulan a velocidades dispares da media da vía, como poden ser os camións en relación a turismos e motocicletas, son máis susceptibles de provocar un accidente, cunha probabilidade seis veces maior ca se estes vehículos circulasen á media do resto de vehículos. Ademais, velocidades de circulación máis homoxéneas favorecen a fluidez do tráfico.

CAMIÓNS E AUTOBUSES

Con este cambio normativo uniformízase a velocidade dos camións en estradas a 80 km/h, límite que é común na gran maioría dos países da Unión Europea.

No caso dos autobuses, a limitación xenérica de velocidade é de 90 km/h debido á baixa sinistralidade continuada deste tipo de vehículos, que no caso de España ten un cociente de falecidos/tipo de vehículo (autobús) un 40% menor respecto do cociente total da UE. A pesar desta velocidade, o artigo 48 establece unha nova excepción a aqueles autobuses que non teñen cinto de seguridade, xa que estes non poderán circular a máis de 80 km/h.

Para que os titulares das estradas poidan proceder ao cambio de sinalización naquelas vías afectadas, a entrada en vigor do Real Decreto será ao mes da súa publicación no Boletín Oficial de Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta