Temas: XUNTA EDUCACIóN

O sindicato ANPE critica que a conselleira de Educación defenda un MIR de profesorado

O sindicato propón falar de "habilitación para a docencia" enmarcada no "acceso, ingreso e deseño dunha carreira profesional".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2018 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O sindicato independente ANPE criticou á conselleira de Educación, Carmen Pomar, que este domingo avogaba pola creación dun MIR para o profesorado, por volver expor unha medida que entende como un "debate mediático virtual que só contribúe a xerar incerteza e frustración" e pide que os cambios se afronten en profundidade.

Carmen Pomar, conselleira de Educación. RADIO GALEGA
Carmen Pomar, conselleira de Educación. RADIO GALEGA

Por mor das declaracións realizadas pola conselleira nunha entrevista na Radio Galega, ANPE sostén que "o importante é que se defina cal é o obxectivo que se pretende" co MIR educativo e remarca que se se trata de definir a futura formación dos profesores deberíase "regular unha lei da profesión docente e un Estatuto de Profesorado". O sindicato propón que se fale de "habilitación para a docencia", pero "non de modo parcial" senón enmarcada no "acceso, o ingreso e o deseño dunha carreira profesional".

O sindicato insiste en que o sistema, cun reforzo das prácticas remuneradas, con duración uniforme en todo o territorio nacional e equilibrio entre experiencia docente e formación académica, podería "ser un bo sistema se se consegue prolongalo cunha verdadeira carreira profesional".

En todo caso, no momento actual ante a "quebra da LOMCE", o sindicato sitúa como prioridade a elaboración dun proxecto de Lei Básica de Educación, que sexa o que valore a situación do profesorado e o seu desenvolvemento profesional. "Os cambios han de abordarse en profundidade, con seriedade e rigor e sen alentar debates mediáticos virtuais que só contribúen a xerar incerteza e frustración. Mentres iso non se faga así, o MIR pode esperar", conclúe o comunicado remitido polo sindicato.

Temas: XUNTA EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta