Feijóo aprópiase de Castelao e da súa obra contra o fascismo para atacar a independentistas e a VOX

Tamén salienta o Pórtico da Gloria como un monumento ao “diálogo” e destaca que, a pesar das críticas pola situación sanitaria, económica e do deterioro dos servizos sociais, Galicia “segue crecendo” e medrando os “hospitais, centros de saúde” e “hai máis educación e servizos sociais”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/12/2018 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta utilizou a Castelao e un dos seus cadros máis simbólicos, “A derradeira leición do mestre” como escenario da súa mensaxe de Fin de Ano. Unha obra que o pintor e político galeguista utilizou como alegato contra os fascismos e o sen sentido das mortes e represións na Guerra Civil Española, serviulle a Alberto Núñez Feijóo para criticar por igual aos novos partidos ultraconservadores, como VOX, e tamén aos partidos independentistas.

Discurso de Fin de Ano de 2018 de Feijóo ante o cadro de Castelao
Discurso de Fin de Ano de 2018 de Feijóo ante o cadro de Castelao | Fonte: Xunta.gal

Así, o líder do PPdeG, que protagonizou unha polémica por negar no seu primeiro discurso perante este cadro a súa simboloxía antifranquista –o que lle valeu numerosas críticas de toda a oposición e mesmo da Arxentina--, quixo enmendar o seu erro pousando diante do cadro de Castelao, que se atopa na Cidade da Cultura nunha exposición. E, utilizou a obra para criticar a partidos de corte cuasi fascista como VOX co que, curiosamente, o Partido Popular pactou en Andalucía.

“Este recordatorio é oportuno sempre, pero máis aínda cando hai quen trata de minimizar ou mesmo cuestionar o que o conxunto dos españois fixemos nos primeiros momentos da nosa democracia e do noso autogoberno. Todos os anos por estas datas temos especialmente presente a importancia da convivencia, da harmonía, da cooperación. A min non me gustaría que fosen meros desexos retóricos, porque nin foron suprefluos noutras épocas da nosa historia nin tampouco o son agora”, dixo en alusión á formación ultraconservadora.

CRÍTICAS AO INDEPENDENTISMO

Tamén utilizou o cadro de Castelao para criticar aos partidos cataláns e a Generalitat polos seus desexos soberanistas. “Nin foi un “conflito” o ataque do terrorismo á España das liberdades, nin cabe chamarlle conflito ao golpe de Estado de 1981, nin tampouco hai “conflito” no reiterado desafío do independentismo catalán. Por iso, coa mesma intensidade que desexamos un pleno retorno á normalidade na Generalitat de Cataluña, reclamamos que non se descarte ningunha das ferramentas contempladas no texto constitucional para garantir a nosa democracia e o noso autogoberno”, dixo aludindo á posibilidade de que se volva a aplicar o artigo 155 e se suspenda a autonomía catalá tal e como piden partidos como o PP, Ciudadanos ou o propio VOX que Feijóo tamén critica.

Feijóo diante da obra de Catelao, A derradeira leición do mestre
Feijóo diante da obra de Catelao, A derradeira leición do mestre | Fonte: xunta.gal

As nosas controversias son moi distintas a outras que perseguen a división entre bos e malos cidadáns. Nós queremos seguir progresando e avanzando e temos claro que a Constitución da que este 2018 celebramos o seu corenta aniversario é o marco que protexe o noso autogoberno. Por iso, non podemos ser indiferentes aos ataques sistemáticos contra a Constitución daqueles que teiman por minar a democracia. Galicia non cala nin vai calar cando se pon en perigo unha obra de todos”, dixo en clara alusión ao BNG e En Marea. 

Fronte a esa imaxe dunha españa divida entre independentistas e ultras, Feijóo puxo como exemplo a Galicia e ao primeiro presidente da democracia en Galicia, Xerardo Fernández Albor, falecido neste 2018.  “Grazas a persoas coma el, os galegos de hoxe vivimos os soños dos nosos pais e habitamos a Galicia que para moitos dos nosos devanceiros resultou un ideal inalcanzable. Que ninguén nos convenza de que ese logro foi pouca cousa. É unha das grandes obras colectivas do noso país e non debemos esquecelo”, indicou.

“DIÁLOGO” SOCIAL

Tamén utilizou ao Pórtico da Gloria como obra, dixo, que uniu a todos os galegos a través do “diálogo”. “As figuras labradas en pedra polo Mestre Mateo forman unha Galicia en miniatura que mantén unha animada conversa”, dixo. E contrapuxo esta metáfora coas numerosas críticas que lle están chovendo nas últimas semanas a conta da sanidade, dos servizos sociais, da educación e, en xeral, do deterioro dos servizos públicos. “Todos os días e en todos os lugares do noso país hai galegos que reproducen a escena do Pórtico da Gloria. Familias, centros educativos, asociacións, empresas, institucións públicas... falan, intercambian pareceres e tamén discuten, pero sen deixar de estar xuntos”, indicou.

Por iso, e a pesar do deterioro dos servizos públicos, Feijóo insistiu en que no 2018 Galicia “seguiu crecendo e alcanzou o maior Produto Interior Bruto da súa historia económica”. Por iso, quixo vender a súa xestión. “É certo que temos unha economía máis sólida, con máis e maior emprego e cunhas exportacións que non deixan de medrar. E é certo que contamos con mellores hospitais e centros de saúde públicos; atendemos a máis dependentes; e temos unha educación pública con máis recursos, máis idiomas e máis tecnoloxía”, engadiu.

Con todo, tamén recoñeceu que “segue habendo galegos con desvelos para poder resolver problemas, problemas reais”. Pero para eses galegos con problemas, a súa receita é “mellorar a calidade dos servizos públicos, a defensa da igualdade, consolidar a creación de emprego, garantir futuro industrial, fortalecer o rural e o sector do mar, cumprir as expectativas dos mozos, combater a crise demográfica, prepararnos axeitadamente para oportunidades históricas como o próximo Xacobeo 2021”. 

*******************************************************************************************************

MENSAXE DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

 Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2018.- 

Boas tardes. A derradeira leición do mestre converteuse neste 2018 nun exiliado máis que volve a súa casa. Volve tarde, pero por primeira vez desde que Castelao o pintara en Bos Aires logramos que por fin se poida ver en Galicia e o poidamos admirar os galegos. Debemos sentirnos orgullosos do que significa que este cadro, que moitos consideran o Guernica galego, estea aquí, entre nós. 

Con el, Alfonso Rodríguez Castelao quixo legarnos un testemuño e tamén unha advertencia: houbo un tempo terrible no que Galicia, como o resto de España, sufriu a traxedia da Guerra Civil e da posterior ditadura. Nesta exposición, que vos convido a ver na Cidade da Cultura, os máis vellos sentirán os ecos daquela barbarie, e os máis novos comprenderán que escenas semellantes e asasinatos coma este de Alexandre Bóveda tiveron lugar no noso país. Provoca certa conmoción ver esta imaxe desde a Galicia de hoxe, pero tamén admiración por poder facelo grazas á liberdade e á reconciliación logradas na Transición. Este recordatorio é oportuno sempre, pero máis aínda cando hai quen trata de minimizar ou mesmo cuestionar o que o conxunto dos españois fixemos nos primeiros momentos da nosa democracia e do noso autogoberno. Todos os anos por estas datas temos especialmente presente a importancia da convivencia, da harmonía, da cooperación. A min non me gustaría que fosen meros desexos retóricos, porque nin foron suprefluos noutras épocas da nosa historia nin tampouco o son agora. A falta de entendemento sempre tivo consecuencias negativas, pero nos tempos que vivimos as secuelas da incomunicación, da división e dos conflitos alimentados artificialmente, son evidentes e son graves.

Galicia non é inmune a eses problemas, pero creo sinceramente que é portadora dun exemplo de convivencia do que debemos sentirnos satisfeitos. Convídovos tamén a contemplar outra xoia do noso patrimonio que recuperamos neste ano que remata. Ademais do seu valor artístico, o Pórtico da Gloria é símbolo dos sentimentos que máis nos identifican aos galegos. As figuras labradas en pedra polo Mestre Mateo forman unha Galicia en miniatura que mantén unha animada conversa.

Como motivo da obra que o faría inmortal, o artista elixiu un diálogo. Hai no noso entorno exemplos dabondo de que a ruptura de acordos trae consigo efectos lamentables en forma de retroceso económico e social e sobre todo de ruptura da confianza entre os cidadáns. Galicia está seguindo un camiño moi diferente. Todos os días e en todos os lugares do noso país hai galegos que reproducen a escena do Pórtico da Gloria. Familias, centros educativos, asociacións, empresas, institucións públicas... falan, intercambian pareceres e tamén discuten, pero sen deixar de estar xuntos. Nese camiño do entendemento que Galicia percorre unida hai problemas que se denuncian, debates e reivindicacións. Vexo neles un síntoma da nosa saúde democrática, e avisos que un gobernante non debe nunca menosprezar. A sociedade galega desta altura do século XXI non discute sobre utopías falaces, senón sobre asuntos concretos que afectan á xente. Especialmente á xente que sofre. Que sofre lacras terribles como a violencia machista. Ou que sofre dificultades económicas ou de inclusión social. A recuperación, que aínda temos que consolidar, fixo a moitos esquecerse da crise pero sabemos que aínda non a todos e por iso estamos lonxe de conformarnos. É certo que, despois de que en 2017 lograramos superar os niveis de riqueza previos á crise, este 2018 seguimos crecendo e alcanzamos o maior Produto Interior Bruto da nosa historia económica. 

É certo que temos unha economía máis sólida, con máis e maior emprego e cunhas exportacións que non deixan de medrar. E é certo que contamos con mellores hospitais e centros de saúde públicos; atendemos a máis dependentes; e temos unha educación pública con máis recursos, máis idiomas e máis tecnoloxía. Pero tamén é certo que segue habendo galegos con desvelos para poder resolver problemas, problemas reais. Iso é o que nos debe preocupar e ocupar, as cousas cotiás: a calidade dos servizos públicos, a defensa da igualdade, consolidar a creación de emprego, garantir futuro industrial, fortalecer o rural e o sector do mar, cumprir as expectativas dos mozos, combater a crise demográfica, prepararnos axeitadamente para oportunidades históricas como o próximo Xacobeo 2021. 

As nosas controversias son moi distintas a outras que perseguen a división entre bos e malos cidadáns. Nós queremos seguir progresando e avanzando e temos claro que a Constitución da que este 2018 celebramos o seu corenta aniversario é o marco que protexe o noso autogoberno. Por iso, non podemos ser indiferentes aos ataques sistemáticos contra a Constitución daqueles que teiman por minar a democracia. Galicia non cala nin vai calar cando se pon en perigo unha obra de todos. 

Tampouco podemos considerar aceptable que se disfrace como “conflito” unha evidente vulneración da legalidade e a busca de situacións de privilexios que non compartimos. Nin foi un “conflito” o ataque do terrorismo á España das liberdades, nin cabe chamarlle conflito ao golpe de Estado de 1981, nin tampouco hai “conflito” no reiterado desafío do independentismo catalán. Por iso, coa mesma intensidade que desexamos un pleno retorno á normalidade na Generalitat de Cataluña, reclamamos que non se descarte ningunha das ferramentas contempladas no texto constitucional para garantir a nosa democracia e o noso autogoberno. Non son poucas as inquedanzas que sentimos no ano que remata, e que nos acompañan no ingreso nesta nova etapa do 2019. A pregunta que vos traslado é se poden canalizarse ou resolverse cunha sociedade fragmentada, enfrontada e carente de puntos de encontro. Eu creo que non. Hai desafíos que estamos superando e outros que requiren tempo e constancia, pero todos eles son inabordables sen cohesión social. 

Coa democracia, galegos coma nós decidiron facernos libres e responsables, conciliando dereitos e deberes e sabendo que o mundo real esixe doses axeitadas de idealismo e realismo, dous valores que personifica a figura de Xerardo Fernández Albor, que nos deixou neste ano 2018. Quero tamén ter presente ao primeiro presidente democrático de Galicia porque, grazas a persoas coma el, os galegos de hoxe vivimos os soños dos nosos pais e habitamos a Galicia que para moitos dos nosos devanceiros resultou un ideal inalcanzable. Que ninguén nos convenza de que ese logro foi pouca cousa. É unha das grandes obras colectivas do noso país e non debemos esquecelo. Velaí o legado que recibimos e que é o noso deber coidar e transmitir. Recibide os meus mellores desexos. Desexo de saúde para vós e as vosas familias. Desexo de prosperidade social e económica. E desexo de que Galicia siga sendo un modelo de convivencia. Aprendemos de Castelao que as ideas excluíntes son a causa de episodios como os que relata esta pintura. As ideas que inclúen, que suman, que acordan, son o mellor antídoto contra o pesadelo padecido naquel tempo, e contra calquera problema. Por iso as galegas e os galegos camiñamos xuntos. Fagámolo tamén no próximo ano. Que teñades un bo 2019!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 anonimo

Iste Frijol sempre á defensiva, incapaz de pronunciar a palabra Galicia si non vai seguida de España, incapaz de facer nada sin mirar antes para Madrid, incapaz de falar un galego medianamente correcto sin ter que lelo e nin así porque a súa fonética é de señorito do barrio de Salamanca, un hipócrita neoliberal que di unha cousa pola mañá e fai a contraria pola tarde. Temos o que merecemos. É un insulto permanente a todo o que significa Galiza. Narco tiza todo o que toca. Vaite pra Madrid dunha vez.

3 Pitito

O neno dos Peares non se mata a traballar, non, nin a pensar. Fillo predilecto de Rajoy, máis sen puro e os paseitos, valelle calquera cousa, e o contrario, con tal de non facer nada. Para que elaborar un discurso propio se xa os hai feitos? Non cita a Stalin, Tatcher, o Papa, Paco Rodriguez, Beiras, Caballero ou Villares, porque non lle cadra, que se non xa veredes.

2 Trospiro

Pobre Castelao. Non contentos con apropiarse do seu corpo agora fano coa súa obra. Do discurso só destacar a súa xa tradicional falta de vergoña. Frijol fará bo a Fraga. Ao meu redor vexo pobreza, amigos emigrados, frío, unha sanidade agonizante, un país colonizado na mente e no corpo, eucaliptos, bandeiras españolas nos balcóns e Cataluña en todas as conversas de xente que non repara na súa propia vila a morrer de desatención. Dos amigos da miña filla só un aínda fala algo de galego, a inmensa maioría nada. E non pasa nada.

1 Daniel

Igualiño que cando trouxeron os restos de Castelao, agora rouban as ideas de igualdade e liberdade