Como manexar o GPs

Rutas a Pie e o Concello de Ames organizan un curso de iniciación ao uso do GPS.

Por Galicia Confidencial | Ames | 03/01/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza para os días 12 e 13 de xaneiro un curso de iniciación ao uso do GPS, aplicado ao sendeirismo e ás rutas de montaña. O obxectivo desta iniciativa é o de facilitar aos asistentes o manexo básico, o coñecemento de utilidades do aparello e o seu potencial para a preparación de itinerarios, así como solucionar os problemas que poden xurdir no seu uso. Deste modo, estes coñecementos permitirán ao grupo realizar percorridos con GPS e mesmo servir de porta de acceso segura á realización de outras actividades de maior dificultade.

Datos de GPS utilizados para o itinerario dunha quenlla
Datos de GPS utilizados para o itinerario dunha quenlla | Fonte: Ocearch.

Os contidos que se abordarán xirarán, polo tanto, arredor do manexo básico e a configuración deste aparello, da utilización de planos 1:25000 e do track e o waypoint como toma de referencia. Asemade, tamén servirá como unha primeira toma de contacto coa descarga de datos no ordenador e programas como o Base Camp, o Ozi Explorer, Google Maps e outros recursos na web. Tamén fará fincapé en como planificar rutas no ordenador e, por último, farase unha comprobación sobre o terreo de todo o aprendido.

Este curso desenvolverase a fin de semana do 12 e o 13 de xaneiro, no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 13:30 horas e de 15:00h a 19:00 horas. O prezo por persoa será de 50 euros, e o número de participantes estará limitado a 10-12 persoas, con preferencia para os socios do club. Ao remate do curso, entregarase un certificado acreditativo emitido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), entidade encargada de impartir a formación xunto coa Federación Galega de Montañismo (FGM).

As persoas interesadas en inscribirse ou en obter máis información sobre o curso pódeno facer a través do enderezo de correo electrónico clubrutasapie@gmail.com, do perfil de Facebook da asociación, Rutas a Pie, ou do número de teléfono 628 28 79 57.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta