Seguir sachando

Son un traballador xubilado (pasivo disque) que no seu momento, alá por 1974, fun contratado por Endesa. Nacín no 1951 e algo fun aprendendo, no tempo que me tocou vivir, das contradicións que suceden no marco das chamadas relacións laborais.

Por Fermín Paz | Ferrol | 03/01/2019

Comparte esta noticia
A dirección desta empresa española, privatizada primeiro e agora no camiño dunha descapitalización acelerada e silenciada, é unha simple tapadeira. Como o poder político, as institucións e organismos que supervisan os mercados calan, todo o que está sucedendo cóbrese cunha manta de normalidade abraiante. Logo virán os queixumes e as bágoas, as complicidades farán un relatorio falseado e os decididores tratarán de "irse de rositas" e xustificarán as súas actuacións no descoñecemento ou no cumprimento das ordes na pirámide hierárquica.
 
Síntome lexitimado para dicilo. É verdade que cando Endesa penetrou nas empresas latinoamericanas, non o fixo con diferentes métodos, pero eu non calei, nin silenciei  estas actuacións senón que as denunciei como tamén o fixen coas complicidades de todo tipo que as fixeron posible . Tampouco calei diante da alianza entre Acciona (familia Entrecanales) - Enel e as liortas da maioria da representación enliados nas disputas políticas de sempre. 
  
Nin o ámbito europeo é un argumento xustificante da deixadez española, mentres unhas empresas enerxéticas seguen a ser participadas polos Estados respectivos, outras son obrigadas a entregarse a calquera que pague o establecido polo mercado, sen que o poder executivo ou lexislativo faga ningunha prevención de presente ou futuro. Diante dun vaciamiento de manual da capitalización dunha das empresas do Ibex 35, "os parvos útiles"  deixan facer e seguen a berrar e reivindicar o "Viva España". 
 
Que se dean por rachadas as negociacións dun Convenio non é noticia; forma parte das dinámicas empresariais-sindicais. Pero no caso de Endesa convén afinar un pouco máis na análise, para saber o que se está a cocer no pote. Fica claro que, ou se negociaba o asunto da tarifa eléctrica cara a novas posicións empresariais que significaban recorte e perda de dereitos, ou non sería posible un acordo.Se de algo serviron os limiares negociadores foi para saber por que a dirección da sucursal de Enel (Endesa) centra  a súa estratexia do novo convenio neste asunto en exclusiva. E porque esta acción finalista e liquidacionista se dirixe principalmente aos pasivos? 
 
Se conseguen o seu propósito, a pretensión non é outra que libertar os mais de 700  millóns de euros que até agora están obrigados a provisionar en Endesa para logo poder repatriar o devandito importe e repartilo entre os accionistas de Enel. Pouco lles importa que os procesos xudiciais rematen dándonos a razón sobre a obriga que ten Endesa de respetar os dereitos adquiridos (como é o salario en especie) polos seus traballadores e que foron asinados no seu momento, ademais de reflectilos de xeito individual con dereito a fedatalos en escritura pública perante notario. A dialéctica xudicial require un tempo para resolver o CONFLITO OCASIONADO e, cando remate este percorrido nas instancias legais, pouco lle importará a Enel (máis valorizada) que Endesa (menos valorizada) teña que  pagar os prexuízos causados e voltar ao rego do acordado. Esta acción cúmpre inscribila nunha indiscutible mala fe nas relacións laborais e debería obrigar tanto a unha comisión de investigación parlamentar como a unha denuncia  penal nalgunha das accións directivas, porque saben que o que están a facer é inxusto ademais de ilegal. 
 
Sirva como información para os que vexan na cuestión da tarifa eléctrica un privilexio (como agora tamén o denomina a dirección na súa contrainformación) co que hai que rematar -e non como un dereito acadado polos traballadores- que o meu salario en especie foi de 36,57 euros polo consumo realizado entre o 14 de outubro e o 13 de decembro de 2018 (por  310 kwh). Dito doutro xeito: agora a Dirección de Endesa quere roubarme 36,57 euros por estes dous meses. Disque cansaron de respetar o acordado. 
 
O que si consegue a Dirección de Endesa é cambiar o noso "status quo" dunha plumada. DEIXAMOS DE SER PASIVOS e  teremos que seguir sachando. 
 

Instalación de Endesa
Instalación de Endesa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.