O grande engano de J. Blanco

Di o xornal fetén da socialdemocracia española o seguinte na sua editorial do 12 de xullo...

Por Carlos Vázquez Padín | | 14/07/2011

Comparte esta noticia

"Blanco ha demostrado lo que era obvio para cualquiera: que se puede actuar en política con solvencia sin ser obligatoriamente registrador de la propiedad o abogado del Estado y ser un buen gestor de infraestructuras públicas sin necesidad de ser ingeniero de caminos". Non son dos que cre que é imprescindible un alto nivel formativo para ser un bo político pero se a referencia é a do balance de xestión do señor Blanco ao frente do ministerio de Fomento estaria obrigado a mudar de opinión pese ao que poida dicir o "prestixioso" xornal madrileño cunha prepotencia e falta de argumentario inexcusables en aras do dogma igualizador do inigualable que ten a esquerda.

Previo paso pola portavocia do goberno central como último servizo ao seu compañeiro inseparable desde o congreso que elevou a Zapatero á Secretaria Xeral do PSOE no ano 2000, José Blanco (non vou ser eu quen lle chame Pepiño como certas pseudoelites da vila e corte que o desprezan por ser un galego de aldea) anda pensando en aterrar politicamente en Galicia como candidato á presidencia do "goberno rexional" se, como todo parece indicar, o seu partido sofre unha hecatombe nas vindeiras eleccións xerais.

Esta operación non tería nada de excepcional, os políticos galegos de PP e PSOE conciben a Galicia como trampolín ou refuxio e non como unha meta en si mesma, como Anxo Guerreiro sinalou con agudeza nun recente artigo, na actualidade a operación trampolín para saltar a Madrid, estaría exemplificada á perfección no caso de Feijóo, que en lugar de centrarse en gobernar este País do que trata é de que o seu paso pola Xunta maximice as suas opcións de ter un futuro relevante na política estatal independentemente de se esas accións ou decisións tendentes a maximizar o seu futuro en terras de secano, é beneficioso ou perxudicial para os cidadáns que vivimos e traballamos no territorio que el se debería responsabilizar en gobernar.

O caso do señor José representa a operación inversa dentro do mesmo esquema que sempre subordina ao noso País, estamos a falar da "operación refuxio", despois dunha carreira exitosa no centro da península, Galicia pode representar un Plan B o suficientemente atractivo para seguir na roda do poder, e precisamente do cerne dese Plan estratéxico de regreso a Galicia, é no que me quereria centrar neste artigo, o maior activo que Blanco quererá vender como proba da sua suposta capacidade de xestión e de amor a Galicia é a realización dunhas infraestruturas faraónicas que se desenvolven "en" Galicia pero non "para" e "por" Galicia.

Estoume a referir nomedamente ao Tren de Alta Velocidade, para valorarmos os investimentos en infraestruturas e nas demais cousas, hai que xulgalos pola eficiencia dese investimento, é dicir, en que proporción por cada euro gastado vai mellorar a produtividade e a conectividade do País grazas ao AVE. E neste sentido o balance para Galicia é autenticamente desastroso, o AVE só nos aporta conectividade co único lugar do mundo co que xa estabamos ben conectados; por via area, máis de 40 voos diarios desde os tres aeroportos teñen Barajas como destino (o 60% dos voos que parten de Galicia) e terrestre rodoviaria (autovias gratuitas a Madrid).

Ata tal punto é evidente que o obxectivo desta política de infraestruturas que comparten PP e PSOE é reforzar a Madrid ainda que sexa a custa das periferias peninsulares que o segundo grande capítulo de investimentos "en Galicia" dos que pretenderá presumir o fillo pródigo de Palas de Rei é a ampliación dos tres aeroportos galegos ata unha capacidade de pasaxeiros absurdamente superior á que algunha vez precisarán cando funcione o AVE, porei o exemplo de Peinador porque ao ser eu tudense evito suspicacias dos mal pensantes ainda que o que direi de aeródromo vigués é aplicable sen matices para o caso de Alvedro e con poucos matices para o de Lavacolla.

O aeroporto vigues moveu no ano 2010 o número de1.093.571 pasaxeiros, en febreiro do mesmo ano foi licitada unha ampliación dese mesmo aeroporto por valor de case 60 millóns de Euros dos petos dos contribuintes para aumentar a sua capacidade, segundo a nota de prensa do ministerio, ata os 4 millóns de pasaxeiros, é dicir catro veces máis dos que move na actualidade cando ainda non ten a competencia do AVE, se a isto lle engadimos que o 60% dos pasaxeiros que despegan de Peinador van a Madrid e que todos os novos destinos do AVE sofren unha forte caida da demanda de conexión aerea coa capital de España, os casos de Sevilla, Zaragoza, Barcelona ou Valencia con baixadas de tránsito entre o 50 e o 75% nas suas conexións aereas con Madrid, testemuñan o que digo sen lugar a dúbidas, cando o AVE funcione, encontraremonos cun aeroporto preparado para 4 millóns de pasaxeiros pero que teña en realidade seiscentos ou setecentos mil, eis os resultados tan fantásticos dos que fala El Pais dese home sen estudios superiores.

Ese é o panorama absurdo ata o que nos levan os que despois virán a pedirnos o voto dicindo que fixeron moito por Galicia, estas políticas do PSOE (compartidas polo PP) en lugar de nos axudar a resolver as nosas graves carencias infraestruturais, como son as cercanias, o transporte ferroviario interior de Galicia, as mercadorias, a conectividade co resto de España, o eixo atlántico portugués, Europa e o mundo conectanos co único sitio co que xa estabamos conectados, calquera que o vexa desprexuizadamente darase conta de que o obxectivo da infraestrutura é obviamente reforzar a Madrid e non a Galicia, que o implementador deste tipo de política pública pretenda vir dentro duns meses a vendernos o que fixo por nos é sinxelamente burlesco.

Pero a burla non acaba aqui porque agora non serán os señores do PP e do PSOE os que paguen a factura senón que seremos os contribuintes, o dia 5 de xullo Blanco dixo diante dun lobby dos constructores de obra civil (AERCO) que para manter o ritmo haberá que subir impostos e non descartou tampouco a proposta do lobby de introducir un imposto especial sobre os carburantes para financiar o mantimento e construción de novas estradas. Outros que se levan moi ben con Blanco, os da SEOPAN, lobby que agrupa ás maiores construtoras propoñen facer todas as autovias de peaxe para manter o enorme fluxo monetario que precisan para alimentar as suas enormes estruturas crecidas ao abeiro do desatino construtor dos últimos anos.

O papel do PP neste asunto é verdadeiramente lamentable, están moi calados a pesar da imprudencia e falta de rigor que os caracteriza xa que son conscientes de que nunca gastaron nen a metade que Blanco en Galicia ao servizo da política de infraestruturas para maior gloria de Madrid que eles tamén comparten, cando vin ao alcalde de Tui subido á ponte vella de Tui dandose a man co presidente da cámara de Valença para protestar pola supresión da liña Vigo-Porto que PP e PSOE sempre subordinaron a outras liñas vin a viva imaxe do populismo (irresponsable).

Germà Bel autor do imprescindible ensaio "España, capital París" di o seguinte nunha entrevista recente: "El AVE no te lleva la abundancia, al revés, exportas actividad económica si eres pequeño. Pero esto no es nuevo. En Japón el AVE funciona desde los 60, en Francia desde el 81 y está estudiado y documentado. ¿Todas las infraestructuras hacen esto?. No. A los territorios periféricos las infraestructuras que les interesan son unas que les permitan comunicaciones razonables con los grandes centros, pero sobre todo el desarrollo de mercancías. Porque están especializados en gran volumen y pequeño valor. Los grandes medios de comunicación muy rápida de viajeros no hacen eso, sino la modernización del tráfico de mercancías".

E todo isto é moi dramático porque por menos do diñeiro gastado poderiamos ter un bo aeroporto internacional conectado por tren coas sete cidades, e con continuidade polo eixo atlántico portugués, poderiamos ter as conexions intermodais ferroviarias de mercadorias que conectasen os portos galegos cos mercados de centro Europa aportando unha importante mellora de competitividade aos nosos portos e polo tanto á nosa economía, poderiamos ter redes de cercanías en Vigo e na Coruña, e ainda por riba estar moito menos endebedados o que neste momento podería ser crucial para o noso futuro, Galicia nese escenario alternativo sairia moi beneficiada, o escenario real é o dun País moi endebedado e moi ben comunicado cun lugar do mundo e pesimamente comunicado co resto do mundo e polo tanto cunhas infraestruturas que non facilitan o noso desenvolvemento pero que nos deixan endebedados ata netos, esta é a Galicia do PP e do PSOE que só poderemos mudar coa participación política nas alternativas que apunten cara a liberdade e a responsabilidade nacionais e individuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA