Sindicatos alertan de estacionalidade, rotación e "baixa calidade" dos contratos no mercado laboral galego

A Xunta destaca o aumento de afiliacións e a redución do paro a "niveis inferiores aos de fai 10 anos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2019 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Os sindicatos alertan de "carencias" no mercado laboral galego como a estacionalidade do emprego, a rotación e a "baixa calidade" das contratacións. Tras a publicación dos datos de paro rexistrado a peche de ano, a CIG denuncia que en decembro se asinaron en Galicia 72.251 contratos para reducir o desemprego en "tan só 1.074 persoas".

Traballador autónomo
Traballador autónomo | Fonte: Europa Press

Nesta liña, UGT avisa de que "só o 8,62 por cento da contratación en Galicia é indefinida e a taxa de cobertura segue en mínimos". Pola súa banda, CC.OO. considera que se desaproveitou un ano para transformar o crecemento económico en creación de emprego", de modo que 2018 acabou con máis de 169.000 desempregados.

Por parte da central nacionalista, o secretario de emprego, Fran Cartelle, opina que "foi un ano perdido para a recuperación do emprego de calidade". Ao lado de Comisións, a súa homóloga Maica Bouza lamenta a "ausencia dun modelo produtivo de base industrial e tecnolóxica", así como "a desaparición do investimento público como motor da economía nos orzamentos da Xunta" e o "nefasto papel que en materia de políticas activas de emprego está a xogar o Goberno galego".

Mentres, UGT apunta que o paro se achega a niveis do ano 2007, pero con moitas carencias na calidade do emprego: desemprego aínda en cifras elevadas, temporalidade na contratación, brecha por sexos, estacionalidade, etcétera".

PARA A XUNTA, "MELLORÍA"

Pola súa banda, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, eloxiou este xoves os datos do paro, nos que destacou o incremento na cifra de afiliacións e a baixada do desemprego, que sitúan a Galicia en "niveis de paro inferiores aos de fai 10 anos".

Neste sentido, recordou que os datos publicados este xoves coas cifras de desempregados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem), evidencian que a Comunidade conta con 15.718 parados menos que hai un ano, un descenso do 8,5%.

Isto suma "seis anos consecutivos de descenso interanual nun mes de decembro" e sitúa a Galicia como a "terceira comunidade onde máis baixa o paro", dous puntos por encima da media do Estado.

Ademais destacou que Galicia "supera o millón de afiliacións á Seguridade Social", cun "crecemento superior ao 2% anual", unha cifra que supón "máis de 20.000 afiliacións máis con respecto ao ano pasado, máis de 56 afiliacións ao día".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta