A Xunta destina 750.000 euros a axudas para indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2019 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades para este ano 2019, cun orzamento de 750.000 euros.

Burras da granxa de Xanceda protexendo o gando
Burras da granxa de Xanceda protexendo o gando

Os beneficiarios destas achegas serán os titulares de explotacións gandeiras rexistradas en Galicia, que, de forma obrigatoria por orde da consellería, teñan que sacrificar gañado por mor da aplicación de programas e actuacións de erradicación de enfermidades animais.

Segundo informou a Xunta, para ter dereito a estas indemnizacións é imprescindible cumprir a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal.

Ademais, tamén será de obrigado cumprimento estar ao día dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais; que as explotacións gandeiras estean correctamente rexistradas; e que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio dos animais, ordenado por Medio Rural.

O prazo de presentación das solicitudes será desde este sábado ata o día 29 de novembro de 2019, ambas as datas incluídas no cómputo do prazo. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións levará a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2019. Os órganos xestores tramitarán, ademais das indemnizacións correspondentes ao ano 2019, todas as indemnizacións pendentes do exercicio anterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta