Este é o mapa das novas empresas creadas en Galicia

A creación de sociedades mercantís crece un 18,6% en decembro en Galicia, ata 344 empresas. Ourense e Lugo seguen sendo as de menor dinamismo empresarial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2019 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A creación de sociedades mercantís creceu un 18,6% en decembro en Galicia en relación co mesmo mes do ano anterior, ata situar o total en 344 empresas, segundo datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE). Foron 54 constitucións máis que en decembro de 2017 e 40 máis que no mes anterior. O capital medio subscrito ascendeu a uns 30.000 euros por sociedade.

Empresas rexistradas en Galicia en decembro. IGE
Empresas rexistradas en Galicia en decembro. IGE | Fonte: Europa Press

Por outra banda, en decembro ampliaron capital 102 sociedades mercantís, por 46,36 millóns. Foron 22 máis que as que incrementaron capital 12 meses atrás. Como en meses precedentes, as provincias de Pontevedra e da Coruña rexistraron o maior número de creacións, co 41,86% das sociedades mercantís creadas no primeiro caso e o 39,24% no segundo. Mentres, o 10,47% das novas empresas constituídas fixou a súa sede en Ourense e o 8,43% en Lugo.

Case todas as empresas constituídas en decembro en Galicia adoptaron a forma de sociedades de responsabilidade limitada (99,4%). O capital medio subscrito por este tipo de sociedades foi de algo máis de 29.600 euros por empresa. O 26,7% das empresas creadas en decembro pertencen á rama do comercio. As seguintes actividades en importancia son hostalería (13,1%) e construción (11%).

A presenza do sexo masculino segue sendo maioritaria na creación de empresas, como en meses precedentes: 317 socios (o 77,89% do total) fronte a 90 socias (22,11%) en decembro de 2018.

Ademais, as sociedades mercantís creadas en Galicia adoitan estar compostas por un número de socios moi pequeno, limitado nunha porcentaxe elevada a unha soa persoa. O 75,58% das sociedades constituídas foron creadas por un único socio fundador e o 22,97% por dous socios.

En decembro disolvéronse 146 sociedades mercantís, 30 máis que en novembro e 34 máis que no mesmo mes do ano anterior. Mentres, 28 reduciron capital e rexistráronse tres fusións e dúas escisións. Para rematar, o mes pechou con 15 sociedades afectadas por concurso de acredores, sete máis que un ano atrás.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta