Marco Pereira e as voces do noso mundo, un achegamento á música que nos une

Marco Pereira (Xove) é quen ideou o programa de Radio Burela "Grandes Voces do Noso Mundo", unha xanela aberta aos ritmos tanto galegos como da lusofonía. Con esta iniciativa, que xa ten tres anos, está buscando romper estereotipos sobre a música tradicional e a que non é, cantada en galego-portugués e nas linguas nativas dos países lusófonos. O nome do programa fai referencia ao noso mundo, o da nosa lingua e das nosas músicas.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Conta como fuches enxergando as pezas e ideas para facer un programa como “Grandes Voces do Noso Mundo”.
Todo isto comeza a finais de 2015. Eu xa tiña feito programas de radio pero sen relación coa temática da música, que é a que levo agora mesmo. Falei cun profesor amigo meu, Bernardo Penabade, a quen lle expliquei que eu fixera un programa de radio e tiña gañas de seguir. Falando entre os dous el propuxo levar adiante un programa musical. A idea pareceume interesantísima porque trataría da música dentro da nosa cultura e traer tamén a música e cultura lusófonas. Agora estamos con ese programa que recolle as grandes voces da nosa música.

Marco Pereira no estudio de Radio Burela
Marco Pereira no estudio de Radio Burela | Fonte: Blog Grandes Voces

-Tivestes interpretacións desas voces en directo dentro do voso programa?
Houbo unha vez que tivemos a Antonina Semedo, un referente da nosa comarca. Formou parte de Batuko Tabanka que nos cantou en directo. Ese momento foi moi especial para o programa. Pódese escoitar en www.grandesvozes.com.

-Ti agora mesmo estás estudando na USC pero o programa segue a emitirse desde Burela. Como era a produción e como é agora.
Temos unha equipa onde eu son quen redacta o guión para o programa e despois, é certo que para buscar entrevistados, contactei con eles e tamén tiven a axuda do profesor Gabriel André que agora está en Portugal ademais de Bernardo. Para a transcrición en Braille foi a miña profesora de apoio, que tamén formou parte desa equipa, Cristina Ramudo. Durante dous anos ela formou parte do programa por axudar mesmo a imprimir os guións, porque eu non podía saír das aulas.

-E na actualidade?
Sigo facendo o guión e cando estou fóra de Burela, quen locuta é Edilson Sanches, o meu compañeiro na radio. É certo que en Nadal estamos os dous, mais na miña ausencia locutan Edilson e Matías Nicieza. Os guións envíoos por correo, son supervisados e imprimidos.

-Todo ese traballo para o programa, que aportou para a túa formación?
Sobre todo a música, pois é algo que me gusta desde neno. Antes de iniciarme nesta andaina, descoñecía a música feita nos países afrolusófonos, mais Portugal si que o controlaba porque son fillo de pais portugueses. Non obstante, fóra de aí non coñecía moito e por iso, con este programa, se cadra é certo que aprendín moito.

-Que papel xogarían para ti iniciativas como o teu programa dentro do ensino?
Sería moi favorable pois ensinaría aos nenos que a música feita en Galicia como na diáspora, non é só a tradicional senón de todo tipo. Tamén para poder aprenderlles e que saiban que a música é algo bonito. Para o currículo académico, todo o que sexa cultura e aprender é bo. Estas iniciativas son importantes para o ensino, desde o meu punto de vista ademais de axudar na formación dos nenos.

-O programa ten seguidores en moitas partes grazas ás redes, como é a interacción entre esas persoas e públicos?
Nese sentido, a experiencia é moi positiva e quen nos segue ten moito interese en coñecer a nosa música é como de calquera deses países que falan o noso idioma. Para min foi todo moi positivo. Un dos oíntes é brasileiro, sempre está promovendo o programa mediante todas as redes sociais.

-Recibistes un premio recentemente.
Si, o Premio ao Estudante Galeguista, da Asamblea Nacional Galega, un organismo independente. A entrega foi na Facultade de Xornalismo. O que se  pretende é a difusión da cultura galega por parte da ANG.

-Que aporte lle estaría dando a Burela, a vila desde onde emitides, o voso programa?
Dentro de Burela hai xente que non lle dá importancia a estas cousas e outras persoas que si. Logo, como dentro hai unha comunidade internacional ampla, sobre todo de Cabo Verde, aí se cadra, é onde máis chegamos a tocar.

-Fóra do que é o ámbito burelés, que recepcións sentiches?
Polo de agora todo positivo. Nunca tiven críticas por como se facía o programa nin polos contidos.

-Supoño que emitides todo tipo de estilos musicais, se vai xente que fai música tradicional pero de súpeto pos un grupo de rock, por exemplo, hai choque xeracional e cultural na selección que facedes?
Intentamos poñer a maior variedade posible, pois penso que é algo importante, tanto manexamos música tradicional galega, portuguesa e dos países africanos, ademais de rock, pop e outros estilos que non queremos deixar de lado.

-Cal foi a sorpresa máis grande que levaches dentro da música lusófona?
Cada programa ten unha entrevista a un grupo, solista ou autores e cada quen ten a súa historia. O certo é que estraño atopar grupos de rock en Cabo Verde, Angola a Guiné, pero onde máis vemos é no Brasil. Tamén nos envían recomendacións polas redes sociais, iso achéganos grupos que non coñecemos.

-Se alguén quere facer algo como o teu programa, cal é o teu consello?
Ter paciencia, porque estas cousas non son doadas. Sobre todo, ten que gustarlle a quen o faga. Ten que gustarlle o tema que tratará e o estilo do programa. É un proxecto arriscado pois o que escoita a maioría son radiofórmulas e emisoras xeneralistas. Se puidera levar este  programa a unha emisora máis grande, faríao para romper estereotipos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Desde a Mariña

Marco, un exemplo de superación. Ánimo e moita sorte

2 Christian Salles

Um programa vanguardista. Que aprrsenta justamente a Galiza ao mundo "lusófono". Uma grande descoberta e brilhante iniciativa de unir a nossa musicalidade. Precisamos de mais horas de programas como este para reabrirmos as pontes e cancelas que por décadas estiveram fechadas. Escuto o programa aqui no Brasil através de da retransmissão pela Rádio Internacional Lusófona, localizada em São José dos Campos no Estado de São Paulo e descobrir que os programas anteriores estão em podcast. Os brasileiros agora podem escutar as músicas dos povos que falam a nossa língua. Tudo graças ao Grandes Vozes do Nosso Mundo. Viva a Galaicofonia. Viva a nossa língua comum. Que estas aproximações culturais nunca mais parem.

1 eumateix

Nada de mellor que a música para crear pontes entre os países que falan a nosa lingua. O Grandes Voces leva xa uns anos mostrando o nosso ao mundo e traéndonos o mellor do mundo á casa. Mil programas máis para Marco e Edilson.