Numerosos actos recordarán o 69 aniversario do falecemento de Castelao

A exposición "Alba de Gloria" será prolongada ata o 3 de marzo na igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2019 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

Distintos actos culturais recordan dentro e fóra de Galicia a figura de Afonso Rodríguez Castelao, cando se cumpren, este luns 7 de xaneiro, 69 anos desde o seu falecemento. Así, unha delegación do Consello da Cultura Galega (CCG), encabezada pola súa presidenta, Rosario Álvarez, realizou este luns unha ofrenda floral ante a tumba do escritor galeguista, no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago, e recordou a súa figura.

Retrato De Castelao
Retrato De Castelao

Ademais, a entidade quixo conmemorar esta efeméride prolongando ata o 3 de marzo a apertura da exposición 'Alba de Gloria', que alberga tamén a igrexa de San Domingos de Bonaval e recrea o último gran discurso de Castelao a través de elementos audiovisuais e de realidade virtual. Do mesmo xeito, a presidenta do CCG avanzou que se está traballando xa na itinerancia desta mostra.

Tamén a Cidade da Cultura de Galicia recordou nas redes sociais que o 7 de xaneiro de 1950 morría en Buenos Aires Castelao, unha data sinalada na que a entidade aproveitou para invitar á cidadanía a visitar a mostra 'Castelao Maxistral', que alberga en Museo Centro Gaiás e na que, por primeira vez en Galicia, pode verse a coñecida obra 'A derradeira leición do mestre'.

Dentro das actividades ao redor da figura deste ilustre galeguista, a Cidade da Cultura acollerá o próximo 17 de xaneiro un concerto da Real Filharmonía de Galicia que virará ao redor da vida no exilio de Castelao e ao que, de feito, seguirá un encontro con persoas refuxiadas.

Castelao viviu en Buenos Aires os últimos 50 anos da súa vida e, de feito, faleceu no sanatorio do Centro Galego desta cidade. Por iso, na capital arxentina tamén se organizará, o próximo 12 de xaneiro, un acto na súa memoria. Será fronte ao busto que Castelao ten na praza que leva o seu nome en Buenos Aires, onde a Federación de Asociacións Galegas no país recordará a esta "figura crave da historia de Galicia".

De volta en Galicia, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participará ás 19,00 horas en Ourense no acto 'Castelao e Prada: Irmaus!', que organiza a Deputación provincial para conmemorar esta efeméride. O acto estará conducido polo expresidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares e nel participarán o presidente provincial, Manuel Baltar, e o escritor e representante da familia Prada Allende Luís González Tosar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Vicente Risco

Coma sempre Baltar, o único bo e digno que queda no PP, sae daí e refunda Centristas de Galicia!