Temas: FRASEOLOXíA

“A nai do año”, no canto de “la madre del cordero” (2ª entrega)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | A Coruña | 13/01/2019 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Como xa adiantabamos no pasado artigo, a locución la madre del cordero en castelán, ou a nai do año en galego, ademais de dar conta de que algo é –ou de que en algo se atopa ou está– a razón real, central ou fundamental dalgunha cousa, tamén se pode empregar, xunto con outras locucións probablemente máis usadas neste sentido, para dar a entender que algo é –ou de que en algo se atopa ou reside– a parte máis dificultosa ou problemática dun tema ou asunto, “significado” este que garda polo tanto estreita relación en moitos contextos co que expuxemos a semana anterior, na medida en que non poucas veces a parte máis dificultosa de algo é aquela que se erixe como a cuestión central ou fundamental, e imprescindible, sen a cal ese algo non se podería levar a cabo. Vexámolo máis polo miúdo:

Un año na procura dun cordeiro
Un año na procura dun cordeiro | Fonte: Galipedia

Ahí está el quid (de la cuestión # del asunto # ...)

{= Aí é onde reside a parte máis dificultosa, complexa ou problemática de algo.}

Velaí # Aí está o quid (da cuestión # do asunto # ...)

[E TAMÉN, COMO EXPRESIÓNS MÁIS POPULARES OU ASOCIADAS A ÁMBITOS DE USO MÁIS FAMILIARES]:

Velaí # Aí está o lerio (da cuestión # do asunto # ...)

Velaí # Aí está o choio (da cuestión # do asunto # ...)

Velaí # Aí está o conto (da cuestión # do asunto # ...)

Ex.: Lo más difícil no va a ser convencer al hijo, sino al padre. ¡Ah, amigo, ahí está el quid (de la cuestión # del asunto # del tema)!

O máis difícil non vai ser convencer o fillo, senón o pai. ¡Ah, amigo, aí está o quid o lerio o choio o conto (da cuestión # do asunto # do tema)!

● Tamén, nos máis dos contextos:

Ahí está el meollo # el núcleo # la clave (de la cuestión # del asunto # ...)

Velaí # Aí está o miolo # a cerna # o núcleo # o nó # a clave # a chave (da cuestión # do asunto # ...)

● E mais tamén:

Ahí está la madre del cordero # del borrego

Velaí # Aí está a nai do año # a nai da aña && Velaí # Aí está o pai dos merlos && Velaí # Aí está o toque do negocio

Ex.: O máis difícil non vai ser convencer o fillo, senón o pai. ¡Ah, amigo, velaí está o a nai do año velaí está a nai da aña velaí está o pai dos merlos aí está o toque do negocio!

● E mesmo tamén:

Ahí finca el punto

Aí é onde bate o coxo && Aí é onde a porca torce o rabo # retorce o rabo

Ex.: O máis difícil non vai ser convencer o fillo, senón o pai. ¡Ah, amigo, aí é onde bate o coxo aí é onde a porca torce o rabo!

● E inda, en contextos:

Ahí será el diablo

Aí está o demo

NOTAS:

1. En relación coa expresión aí é onde a porca torce o rabo # retorce o rabo, obsérvese por exemplo o seguinte adaxio:

Casar, casar, calquera casa, calquera burro é casado. Manter muller e fillos... a porca retorce o rabo.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Gómez Clemente, Xosé María: “Os rexistros e os niveis da lingua na fraseoloxía: unha aproximación descritiva das locucións nun corpus textual galego”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 6, 2004, páxs. 81-112. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Bernardo

Supoño que mesmo en tempos de Noriega Varela, Vázquez Saco, Ventín Durán e do tal señor de Aranga habería expresións vindas do español A última que veño de oir é "hai un rato" por "hai un pedazo". PS.- "tontería", "tontada", "tonto" son expresións de estirpe tan galega como "parvada" ou "parvo", don Vitorio.

1 Bernardo

Lamentándoo moito e despois de ler atentamente as dúas entregas e consultar algunha das fontes, o da "nai do año" semella unha tontería absurda e innecesaria.

1 Vitorio

Querería vostede dicir: "unha parvada absurda e innecesaria"

2 anonimo

As opcións expresivas desta sección recóllense ou ben vía oral ou ben vía escrita (obras lexicográficas, fraseolóxicas ou literarias e documentos en xeral). "A nai do año" está rexistrada tanto oralmente (lembro especialmente un señor de Aranga que a empregaba con toda naturalidade) coma por escrito: p. ex., Refraneiro de Vázquez Saco, Fraseoloxía de Moscoso (de Ventín Durán) ou Como falan os brañegos (Noriega Varela), á parte do TILG (búsquese "a nai do año").