Sobe un 12,6% a creación de empresas en Galicia

É a segunda comunidade onde máis aumentou este parámetro en novembro, pero tamén medrou o número de disolucións de sociedades (un 24%)

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

O número de novas sociedades mercantís subiu un 12,6% en novembro de 2018 en Galicia en relación ao mesmo mes de 2017, ata 340 operacións, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estadística (INE).

Evolución de empresas creadas en Galicia. EPDATA
Evolución de empresas creadas en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Deste xeito, Galicia é a segunda comunidade na que máis aumenta a creación de empresas, só por detrás de Navarra (24,6%), e nove puntos por encima da media española de subida (3,3%).

Tras experimentar a maior caída interanual de creación de empresas en agosto, os datos mantivéronse invariables en setembro, mentres que en outubro comezaron a subir de novo (+3,1%) e en novembro eleváronse sobre a media (+12,6%).

O capital subscrito polas 340 sociedades mercantís creadas foi de 17 millóns de euros, o mesmo que o desembolsado. Todas foron sociedades limitadas salvo unha sociedade anónima (con 60.000 euros desembolsados).

ALZA DAS DISOLUCIóNS

Con todo, as disolucións de compañías tamén van á alza en Galicia en novembro (+23,9%) e alcanzan as 135, moi por encima da media estatal (+9,9%). Sitúase asi como a sexta autonomía con maior aumento de desaparicións empresariais. As 135 empresas galegas disoltas foron: 115 de forma voluntaria, seis por fusión e 14 na categoría doutro tipo.

Pola súa banda, ampliaron capital 103 empresas, por valor de 38,4 millóns (seis sociedades anónimas por 3,9 millóns e 97 sociedades limitadas por 34,5 millóns). En cambio, reducírono 26 compañías por case nove millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta