Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/01/2019 | Actualizada ás 14:09
Era unha bomba de reloxería que tarde ou cedo ía estoupar. A conflitividade laboral materializouse xa en La Voz de Galicia, malia que a dirección a negou sempre e aseguraba non contemplala. Os traballadores decidiron dar un paso adiante e mostrar aos lectores e á cidadanía galega a súa indignación polos recortes de persoal e salariais que a empresa está a aplicar ante as mudanzas estruturais e organizativas.
Baixo o lema "Nin un só despido", traballadores de La Voz convovados polo comité de empresa concentráronse este xoves en protesta por los despedimentos executados na Coruña, Santiago e Lalín.
Esta protesta chega xusto cando a empresa vén de implementar os seus plans para este ano: reestruturación do organigrama da redacción e reorganización do traballo, que veñen acompañados por baixas incentivadas e despedimentos para desfacerse dun 20% do persoal, ademais dunha nova redución salarial.
Que levou aos traballadores a expresar publicamente a súa indignación? Segundo fontes de La Voz, "a empresa decidiu romper a paz social nun momento delicado ao executar catro despedimentos nas delegacións". E "ningún despedimento foi comunicado ao comité".
É por isto que o comité dá por rotas as negociacións sobre o novo convenio e advirte a todos os traballadores de La Voz que se descoñecen os plans de futuro da empresa e que poderían incluír máis despedimentos.
Ata onde o comité sabe, "calquera traballador podería ser despedido nas próximas horas". De feito, denuncian que todos os despedimentos se realizaron sen a preceptiva presenza dun representante sindical, co que a empresa tomou estas medidas "con escuridade e mala fe", critican.
As mesmas fontes apuntan que todos os despedimentos serán recorridos ante os xulgados. "É inadmisible que isto suceda cando a empresa pechou o exercicio do 2018 con beneficios", din.
En varias asembleas celebradas en Sabón, A Coruña e Santiago o comité trasladou ao persoal a súa indignación ante estas medidas unilaterais. "Non son maneiras", argúen.
Por todo iso, convocaron esta mañá un paro de protesta entre as 12:00 e as 12:30 horas ante todos os centros de traballo que La Voz ten en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.