Villares evita a confrontación con Martiño Noriega e Xulio Ferreiro e critica a EU e Podemos

Traslada o seu "apoio" aos alcaldes da Coruña e de Compostela. "O importante non é se os alcaldes están con En Marea, senón se En Marea está con eles", di. O alcalde de Santiago tamén evita a confrontación co xuíz.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/01/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, trasladou o seu "apoio" e o da dirección do partido instrumental aos alcaldes das mareas e quitou ferro a que estes marquen distancias coa organización a nivel galego a pouco máis de cinco meses para a cita coas urnas do próximo 26 de maio. De feito, quixo evitar a confrontación con Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, alcaldes do sector "máis nacionalista" de En Marea, non así con Jorge Suárez, de Izquierda Unida, e alcalde de Ferrol e, sobre todo, no aforrou críticas contra Podemos.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. Europa Press - Archivo
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. Europa Press - Archivo

"O importante non é se Xulio (Ferreiro) ou Martiño (Noriega) están con En Marea, senón se En Marea está con eles. Si, sen ningún tipo de dúbida nin fisuras. En Marea e Luís Villares están con eles. Desde En Marea teñen todo o noso apoio", aseverou Villares este xoves durante un almorzo informativo celebrado en Santiago de Compostela.

Pola súa banda, o rexedor compostelán, Martiño Noriega, volveu a esquivar as preguntas sobre a situación de En Marea e, como leva facendo desde que o sector crítico perdese as primarias contra a lista de Villares, apelou outra vez a que se atopa "centrado" no ámbito local e afastado da situación do partido instrumental.

O líder de Compostela Aberta --organización que este xoves estrea nova sede no Ensanche santiagués tras abandonar recentemente a que compartía con En Marea-- incidiu en que se vai "cinguir a seguir falando dun espazo que quere seguir gobernando esta cidade e que non ten ningún problema de participación dentro del". "Do ámbito galego non vou facer declaracións porque non teño nada construtivo que achegar", resolveu.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Así as cousas, na recta final para as eleccións municipais, a dirección política de En Marea e as mareas que gobernan Santiago, A Coruña e Ferrol permanecen distanciadas, o que provocará que, presumiblemente, estas últimas non acepten nin concorrer baixo o paraugas instrumental de En Marea para as deputacións nin contarán con Villares para os actos de campaña electoral.

Para Villares, que as mareas rexeiten o ofrecemento para que En Marea actúe como marca que aglutine os votos para as deputacións provinciais é un erro porque supón desperdiciar "forza electoral". "É evidente que se perde forza porque alguén non se queira sumar á marca paraugas, pérdese unha forza que nos dá a cidadanía", engadiu.

O maxistrado lucense asegura que o "escenario de 2019 é moito mellor" que o que había en 2015, cando as mareas municipalistas irromperon no panorama político galego facéndose cos gobernos das cidades da provincia da Coruña e coándose en numerosos municipios da xeografía de Galicia.

Hai catro anos foron varios os municipios nos que competiron nas urnas diferentes candidaturas da contorna da chamada 'unidade popular'. Unha realidade que previsiblemente volverá producirse en lugares como Ferrol e Lugo, onde podería haber ata tres candidaturas diferentes que competirían polo mesmo electorado.

PODEMOS

Respecto do que acontece en Lugo e Pontevedra, Luís Villares culpou directamente a Podemos e o que ve como un "movemento organizado" desde a dirección do partido para aumentar o seu peso nos proxectos municipalistas.

"É coherente co chamamento que fixo na Coruña para pedir postos de saída en Marea Atlántica, que é un espazo para nós exemplar", sinalou o portavoz en referencia á petición efectuada pola dirección de Podemos A Coruña á marea que goberna a cidade herculina desde 2015.

Por iso, reclama que "quen queira ir en listas que se presente ás primarias" e afirma que En Marea "non contempla listas de paracaidistas" para os concellos, senón que se limitará a acompañar a aquelas mareas que decidan constituírse e operar de xeito "autónomo".

FERROL

Un dos municipios que contarán con varias candidaturas da contorna das mareas será Ferrol, onde competirán Ferrol en Común (que goberna a cidade desde 2015) con Marea de Ferrol e Actúa Ferrol, ambos os proxectos auspiciados por antigos integrantes da candidatura do rexedor, Jorge Suárez.

De feito, o nacemento de Marea de Ferrol, propiciado pola exedil Esther Leira, xerou un dos episodios que máis tensión creou no último ano entre o sector crítico e a dirección de Luís Villares, a quen acusaron de fomentar a creación de mareas paralelas.

"Se alguén fixo xestións para evitar que houbese tres candidaturas en Ferrol fun eu e a coordinadora, como expliquei no plenario. Hai veces que se consegue e outras non", asegurou Villares, que, a continuación, expresou que confía en que aínda poidan chegar a un entendemento e lograr "unha candidatura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

E Villares ten tanta culpa coma tódolos demáis de non controlar as contas de En Marea ! https://cabozo.com/taboext.php?grup... A vivir que son dous días ?

2 Gustavo

A este home regaláronlle (xa que apareceu da nada, amparado polos alcaldes aos que agora dá caña) un xoguete, e está xa moi cerca de rachalo en anacos. Subiuselle a cousa do liderado á cabeza, el que non ten condicións persoais, retóricas nen políticas para selo. A ver o que dura, o malo é que el e outros xa dinamitaron a coalición, as consecuencias iranse vendo, e non teñen solución. O seu relato das cousas, que llo merque quen queira.

1 Gamela

Esa Coordinadora leva 18 meses muda...! https://enmarea.gal/actas-da-coordi...