Por Xosé Miguel López | Ferrol | 26/07/2011
Agora o Sr. Feijoo e algúns economistas centran a súa cruzada no establecemento do repago sanitario por que o sistema , segundo o Sr Feijoo é insostible e favorecer así ás aseguradoras privadas.
Sabe moi ben o Presidente da Xunta de Galicia e a Conselleira de Sanidade que a Sanidade Pública xa se paga a través dos impostos que cada un de nós aporta á Facenda Pública. Tamén sabe que hai copago nas receitas de farmacia onde se paga o 40 % do seu valor de referencia, ben é certo que os pensionistas, neste concepto, non pagan nada, con independencia da contía da súa pensión, e este tema si que pode ser obxecto dun debate sereno.
Pero ademais o Sr. Feijoo da por feito que o sistema insostible e ademais fai culpables ós usuarios polo mal uso, que segundo el, fan do sistema sanitario publico de que sexa insostible.
Non di nada de que a culpa sexa por como o seu Goberno xestiona a Sanidade Pública, de como ceden ás esixencias e presións continuas da industria farmacéutica, dos escandalosos beneficios que obteñen as Mutuas de Accidentes de Traballo, que cada vez teñen máis poder na xestión das baixas, , a conta de cargar o custo á Sanidade Pública de enfermidades profesionais, que presentan como enfermidades comúns. No ano 2010 tiveron uns beneficios de 5.000 millóns de euros. E sobre todo o que non di é o escaso orzamento que se dedica á Sanidade Pública, no Estado Español é onde menos diñeiro se dedica dos países da UE e Galicia estamos nos furgóns de cola.
Cumpre sinalar que nos orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2011 os orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, por vez primeira desde que a sanidade está transferida, diminuíron considerablemente.
Sr Feijoo a súa mala xestión e os escasos recursos que a Xunta de Galicia lle dedica á Sanidade Pública é a que pode facer insostible un sistema que é perfectamente sostible, para quen cree nela que non é o seu caso, unha Sanidade Pública que é un dos máximos xeradores de emprego en Galicia.
Noutra ocasión falarei do compromiso, ou mellor dito da falla de compromiso que ten Vostede e a Conselleira de Sanidade, Dona Pilar Farjas, coa Área Sanitaria de Ferrol.