A Asociación Aldea Viva di que a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Touro debe ser negativa

A asociación asegura ter analizado toda a documentación de impacto ambiental con colaboracións científicas.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 10/01/2019 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

Aldea Viva declara que “coa colaboración de varios investigadores galegos analiza os últimos informes presentados pola mineira e tira conclusións”.  Segundo o comunicado enviado pola asociación, todas as persoas que forman parte dos equipos de análise “coinciden en que hai unha intencionalidade clara para ocultar datos que non son do seu interese e que deixan en evidencia a inviabilidade da explotación mineira”.

Augas perto da antiga mina de Touro
Augas perto da antiga mina de Touro | Fonte: Aldea Viva

Destacan ademais “o pouco nivel de concreción e as dificultades para a súa consulta dunha documentación pouco organizada e repetitiva na que caseque todo está por definir”. Puntualizan que “a valoración de efectos sobre as augas, morfometría e usos do solo correspondería aos proxectos de detalle posteriores”.

Entre os aspectos técnicos que analizaron apuntan que “os modelos hidrolóxico-hidráulicos e de balance de augas aportados pola empresa, carecen da máis elemental sistemática, e son dunha dificultade (intencionada?) extraordinaria”, sobre todo cando é de “analizar e concluír sobre os posibles impactos da explotación durante 14 anos”.

“Outra mostra do pouco rigor científico que teñen estes informes atopámola no referente ós vertidos no dominio público hidráulico”, xa que, apuntan “só se fala dos procedentes da planta de tratamento, que por outra banda, deixan de producirse a partir do ano 2007 e que son só unha mínima parte do total”.  Diante disto, Aldea Viva pregunta que sucedeu co resto dos informes relativos aos anos posteriores ao ano 7, pois así non se ten coñecemento do que se verteu e canto.

Para Aldea Viva “nos miles de folios que Cobre San Rafael entregou á administración galega, atopamos unha análise sobre a situación dos ríos da contorna da mina coa finalidade de xustificar que a contaminación actual se debe á litoloxía da cunca”. A raíz disto, denuncian no seu comunicado que “para isto realizouse unha única campaña de mostraxe o 15 de maio de 2018, completamente insuficiente e que non cumpre as esixencias disciplinadas no Real Decreto 817/2015 para as mostraxes cada 4 meses”. Engaden tamén que  “no caso de substancias prioritarias como o cadmio ou o níquel específicase que serán mensuais durante o período dun ano”. “Se a isto engadimos que as entulleiras están en contacto directo co río parece difícilmente asumible esta hipótese interesada”.

No comunicado, Aldea Viva denuncia o que ven como “manexo da lexislación á carta”. Como exemplo poñen as analíticas do cadmio e outros metais, concluindo que “a empresa utiliza únicamente as normas da O.M.S, que se refiren ás toxicidades para o ser humano”.  Como contrapunto a isto, sinalan que a Federacion Ecoloxista Galega “nas súas alegacións, faino baseándose nas normas europeas de calidade das augas superficiais”. Estas normas foran inseridas na lexislación española co Real Decreto 817/ 2015 “que son moi esixentes no caso do cadmio e a vida piscícola”.

A asociación presentará esta mesma semana os informes técnicos completos no rexistro da Xunta de Galicia. Finalmente consideran que ao goberno galego “non lle queda outra que rexeitar o proxecto se non queren traspasar as fronteiras da legalidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta